O Obradoiro é un xigante

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

Paco Rodríguez

Tombou ao Málaga nun cuarto final de máximo nivel

20 ene 2019 . Actualizado ás 20:17 h.

O Monbus Obradoiro, nun último cuarto soberbio, tombou ao Unicaja Málaga en Sar: 89-86. Brodziansky, Vasileiadis e Simons foron decisivos no triunfo local ante un dos xigantes da Liga Endesa.

O cadro obradoirista empezou o partido con moita enerxía, xogando con autoridade e sen complexos. Chegou a ter cinco puntos de vantaxe ante un adversario lento en defensa, pero que aos poucos foi collendo o pulso necesario para levar a confrontación ao seu terreo. Roberts puxo por diante aos andaluces por primeira vez cun triplo e Sàbat, que rompeu a súa mala serie inicial, volveu igualar a contenda.

A dez segundos para o final do primeiro cuarto, Vasileiadis levantou ao público dos seus asentos (26-25). A maxia do grego conquistou de novo á afección. O Obra arrincou o segundo cuarto cun quinteto totalmente renovado e os andaluces chegaron a ter seis puntos de renda grazas a dous triplos de Dani Díez e Adam Waczynski. O Obra recuperou a respiración con Simons e David Navarro. Co taboleiro en vermello, Boatright anotou o sétimo triplo visitante.

Albert Sàbat foi protagonista no arranque do cuarto definitivo ao anotar dous triplos en trinta segundos. O Obra colocouse con cinco puntos de renda (75-70). Roberts e Jaime Fernández responderon con contundencia (75-76) e o Obra aumentou a intensidade do seu defensa. Simons e Brodziansky, en minuto e medio, empezaron a crer no milagre (81-76).

A recta final foi espectacular. Catro tiros libres de Pozas e Simons, unha perda de Brodziansky, un rebote de Llovet e unha falta sobre Simons. Así, o Obradoiro acabou tombando ao xigante Unicaja.

FICHA TÉCNICA

(89) Monbus Obradoiro: Sàbat (9), Singler (10), Vasileiadis (18), Hlinason (7) e Brodzianski (19) -equipo titular-; Pozas (2), Llovet (2), David Navarro (3), Simons (15) e Spires (4).

(86) Unicaja Málaga: Salin (3), Roberts (23), Milosavljevic (4), Lessort (10) e Wiltjer (10) -equipo titular-; Jaime Fernández (5), Dani Díez (14), Shermadini (6), Waczynski (3) e Boatright (8).

Árbitros: Peruga, Araña e Mendoza.

Incidencias: Partido da xornada 17 da Liga Endesa disputado en Sar ante 5.264 espectadores.