Moncho Fernández: «A vitoria dá confianza e moita gasolina»

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

O adestrador do Obradoiro destacou que o equipo está «a xogar moi ben»

21 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Para o técnico do Obradoiro, Moncho Fernández, foi un partido «súper igualado durante os corenta minutos». O adestrador de Pontepedriña explicou que o seu equipo «atacou bastante ben», o que se reflectiu «nas asistencias e nas poucas perdas, unha materia pendente da que tanto falamos nas previas dos encontros e que hoxe salvamos con sobresaliente».

O técnico obradoirista insistiu en que «foi definitivo o noso paso adiante defensivo no último cuarto, pois subimos unha marcha máis e provocámoslle numerosas perdas ao Málaga. Iso permitiunos anotar con moita fluidez no contraataque». Tamén indicou que os andaluces «tiveron canastras de moito mérito e calidade. Aos puntos, se de boxeo tratásese, considero que fomos xustos vencedores».

Moncho Fernández destacou o papel de Vasileiadis, que «estivo moi acertado, anotou e deu asistencias», pero subliñou que foi «unha vitoria coral, aínda que as estatísticas marcan máis a uns que a outros xogadores». O adestrador compostelán referiuse, ao mesmo tempo, ao bo estado do Obra: «O equipo está a xogar moi ben no último mes e medio, con vitorias e derrotas, pero competindo ata o final. Ás veces sae mal, como nos encontros ante o Manresa e o Fuenlabrada, e noutras ocasións vainos ben, como ante o Andorra e hoxe contra o Unicaja Málaga, que a vitoria cae do noso lado. Este triunfo dános confianza e moita gasolina para seguir confiando neste proxecto».

Sobre a baixa de Obst, que ao final non puido entrar na convocatoria, o de Pontepedriña apuntou que «non é unha escordadura de moita gravidade, é pequeno, pero pasaron poucas horas e aínda antes do partido doíalle. A mediados desta semana agardamos que se poida reincorporar ao traballo». Sobre a chegada dun reforzo para compensar as ausencias no xogo interior, Moncho Fernández repetiu que o club sempre está a traballar e mirando xogadores, pero «agora toca seguir traballando cos que temos».