Moncho Fernández: «Perdemos o partido na primeira parte»

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

LOF

Acabou contento coa reacción pero con sabor agre porque faltou o premio

14 ene 2019 . Actualizado ás 17:26 h.

Calquera derrota produce ardor de estómago e máis cando é por un só punto. E máis aínda nun choque que estaba moi costa arriba e no que o equipo chegou a darlle a volta ao marcador e ter as súas opcións no último minuto. A pesar dese desenlace, para Moncho Fernández a clave estivo en que o Obradoiro non manexou ben o período inicial: «Creo que é un partido que perdemos na primeira parte porque todas as batallas que tiveron que ver cos balóns soltos, os rebotes, a actividade, a agresividade, perdémola e Fuenlabrada sacou moitos puntos. Con todo, somos capaces de volver e tamén temos un minuto final desastroso do segundo cuarto. O que eran catro puntos ao final convértense en nove».

A partir de aí, foi cambiando o guion: «O terceiro cuarto foi de alternativas, igualados os dous equipos. Polo tanto, Fuenlabrada mantiña a súa vantaxe. E fixemos un magnífico último cuarto, que nos permitiu chegar, igualar o partido e entrar nesas situacións nas que sempre falo do símil do ciclismo, de que o que colle a escapada boa é o que gaña. Para gañar o partido, Clark mete unha canastra excepcional e nós fallamos unha bandexa».

Minutos despois de que acabase o partido, notábaselle aínda o desgusto e o desasosego desa última xogada: «Temos unha bandexa, que a fallamos, collemos o rebote de ataque e aí xa non podo xulgar. Non se que ocorre nese rebote, se hai falta ou non hai falta. É unha pena».

De feito, ao ser preguntado respecto de se se ía cunha sensación agridoce, despois da gran remontada á que lle faltou a guinda, comentou: «Só agre». E engadiu: «É certo que estou contento porque non nos rendemos e fomos capaces de volver, de traballar duro atrás, de atopar as vantaxes. Pero quedamos sen premio».

Antes do partido cabía agardar un duelo de artilleiros entre Paco Cruz e Vasileiadis. O de Fuenlabrada non tivo o seu día e o aleiro grego tardou en atopar o camiño. Moncho Fernández lembrou que non todos os días acompaña o acerto. No caso do seu discípulo, precisou que, a pesar de anotar apenas nos dous primeiros cuartos, fora «fundamental para ter opcións de vitoria». Lembrou os pases de canastra, entre eles o dous máis un de Brodziansky no último minuto. «O importante é a selección de tiro -apuntou-, que foi boa. Uns días méteos e outros non».

Moncho Fernández tamén significou na rolda de prensa posterior ao partido, ao ser preguntado respecto de se a ausencia de Pepe Pozas na segunda parte estaba motivada por problemas físicos, que non fora ese o motivo.