Decidiron detalles moi finos

Fran Camba O ESCÁNER

ANDAR MIUDIÑO

LOF

13 ene 2019 . Actualizado ás 00:05 h.

A preparación do partido contra o Fuenlabrada supuxo un enorme reto para o Obra. O detallismo e a meticulosidad do corpo técnico compostelán enfrontouse nesta ocasión a un equipo dominado polo caos, con moitas situacións fóra da táctica, xogadores novos con roles moi importantes e disputando competición europea sen a mesma dinámica que o fai na Liga Endesa. Un envurullo difícil de analizar.

Podíanse anticipar varios detalles xerais. Fuenlabrada abusa do un contra un (é o equipo da Liga con menor porcentaxe de tiros de campo asistidos), xoga e permite un volume alto de lanzamentos de dous e nos seus partidos adoita haber bastantes visitas ao tiro libre (é o terceiro equipo da Liga Endesa que achega unha maior porcentaxe de puntos desde o tiro libre)

Había entón varios ingredientes a mesturar na receita da vitoria, algúns deles anticipados por Moncho na previa do encontro. Controlar as situacións dun contra un, sobre todo en Cruz e Akognon, manter o volume de lanzamentos de tres habitual do Obra para castigar unha das peores defensas da liga neste tipo de tiro (os fuenlabreños encaixan 1,13 puntos en cada lanzamento libre do rival), ter sempre o partido ordenado, é dicir, poucas perdas e poucas posibilidades de contraataque rival, e tratar de dominar o rebote fronte ao peor equipo da Liga neste aspecto.

Nun partido decidido por un punto e no que o Obra tivo a última bandexa para gañar, hai que ir a detalles extremadamente finos para atopar algún aspecto determinante no resultado final. Talvez o altísimo volume de puntos procedentes do tiro libre, os oito puntos de diferenza anotados tras perda do rival a favor de Fuenlabrada e a anomalía estatística que supón que Kravtsov, que chegaba a esta xornada cun 60 % de acertos desde o tiro libre, lograse anotar oito lanzamentos sen fallo desde o 4,60 poidan servir como referencia.

Apértase a clasificación e encarécese o obxectivo, tras dezaseis xornadas o descenso está marcado en seis vitorias, algo inédito a estas alturas de tempada.