Para Singler, a clave ante o Estudantes pasa por xogar «moi duro e con enerxía»

LA VOZ SANTIAGO

ANDAR MIUDIÑO

SANDRA ALONSO

O aleiro americano espera contra os madrileños un partido tan completo como o de Zaragoza

13 dic 2018 . Actualizado ás 17:06 h.

O Obradoiro recibirá en Sar ao Estudantes, no «partido do xoguete», unha iniciativa solidaria pola que os afeccionados que entreguen nas oficinas do club un xoguete novo poderán comprar ata catro entradas, en tribuna 2, a 12 euros cada unha, para o partido ata que se esgoten as localidades dispoñibles.

Ante o Zaragoza, Kostas Vasileiadis foi o mellor do equipo, pero outros dous xogadores do Obradoiro destacaron tamén por amais da media. Foron Albert Sàbat, cun recital de asistencias, e Kyle Singler, que anotou 21 puntos e capturou 8 rebotes, finalizando o duelo con 30 puntos de valoración. O aleiro americano recoñece, do mesmo xeito que facía onte Vasileiadis, que en Zaragoza o Obra fixo un partido moi completo, tanto a nivel ofensivo como defensivo». Apunta que se pode destacar a achega dalgúns xogadores, pero insiste en que «a vitoria é mérito de todo o equipo, como grupo, pois loitamos duro e todos xuntos para facernos co triunfo».

Agora, o obxectivo obradoirista céntrase en repetir unha actuación similar o sábado en Sar ante o Estudantes. Singler entende que o equipo «ten que repetir as cousas que se fixeron ben ata agora e continuar con ese mesmo ritmo. Debemos buscar as boas situacións para poder anotar e non deixar que o outro equipo consiga tiros doados».

Para Singler, no duelo ante o Estudantes «a clave para acadar a vitoria pasa por xogar duro e con moita enerxía durante todo o partido». Ademais, nesta ocasión contarase coa axuda da bancada, pois o americano sabe que nos axudarán unha xornada máis os afeccionados, achegando toda a súa enerxía para que nós xoguemos duramente, para que así poidan gozar».