Moncho Fernández foi o protagonista dunha charla no colexio Maior Fonseca de Santiago

La Voz

ANDAR MIUDIÑO

SANDRA ALONSO

O técnico falou sobre o que lle achegou a universidade na súa profesión actual

13 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O adestrador do Obradoiro, Moncho Fernández, foi o protagonista dunha charla no colexio Maior Fonseca de Santiago. Estivo acompañado por Antonio López, reitor da Universidade de Santiago; Víctor Arce, vicerreitor de estudantes da USC; e Anxo Abuín, director do colexio Fonseca. Na súa intervención, o técnico falou sobre o que lle achegou a universidade na súa profesión actual. Explicou que «aquel modelo de estudos que me tocou no ano 87 foi básico para converterme na persoa e o profesional que son. Moitos dos valores, actitudes e coñecementos (algúns remóntanse aos séculos antes de Cristo), aprendinos por aquel entón e foron claves no meu futuro».

O adestrador obradoirista asegurou que ter estudado, desde un punto de vista xeral, achegoulle, entre outras cousas, «cultura, responsabilidade, organización, capacidade de sacrificio, compromiso, capacidade de concentración, análise e capacidade de síntese, curiosidade, oratoria, retórica, o estudo doutra lingua, o valor do traballo en equipo. Formarme para ser profesor preparoume para ser mellor adestrador. Estudar achegoume actitudes para convertelas en aptitudes».