A Lei de Kostas tumba ao Zaragoza

ANDAR MIUDIÑO

Daniel Marzo

A defensa e os dez triplos do grego sustentaron unha vitoria histórica do Obradoiro

11 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Kostas Vasileiadis abandeirou ao Monbus Obradoiro que rompeu o maleficio de Zaragoza con dez triplos que supoñen o recórd dun xogador do conxunto santiagués na ACB. Foi clave para tomar as vantaxes no primeiro cuarto e abrir a fenda definitiva no terceiro. Ao final, 78-86. Caeu a cuarta vitoria do curso con mérito engadido polos problemas físicos que arrastra o equipo. O equipo santiagués desactivou a McCalleb e ao rival, e por aí levou o mando.

O Monbus Obradoiro sostívose ata o descanso sobre a base dunha boa actividade defensiva e unha tarde acertada no triplo, a pesar empezar mal na longa distancia.

No primeiro cuarto non deixou que o Zaragoza puidese sacar brillo á súa velocidade e o seu baloncesto vertical. E cando Kostas Vasileiadis colleu unha das súas series, con catro triplos, abriu unha fenda que chegou ata os nove puntos e quedou en seis á conclusión dos dez minutos por un triplo de Berhanemeskel.

Porfirio Fisac deulle a volta ao cinco inicial sobre a marcha, vendo o atasco. Non lle tremeu o pulso para sentar a McCalebb e dar cancha ao novísimo Alocén. E entre o base e o aleiro canadense fiaron un arranque de segundo acto frenético que enseguida devolveu as táboas ao marcador.

Desde aí ata o intermedio, o partido moveuse nas distancias curtas. Se no primeiro cuarto só anotaran Vasileiadis e Singler nas filas visitantes, no segundo tomaron a vez Simons e Brodziansky, cunha aparición final de Sábat para cravar un triplo.

Nestes vinte minutos o Monbus Obradoiro tivo o mérito enorme de sosterse a pesar da baixa de Pepe Pozas e de que a aparición de Maxime de Zeeuw en pista segue sen reportar réditos. Tampouco Hlinason estaba para moitos trotes. E Navarro non estivo fino na dirección, polo que Sàbat houbo de asumir máis minutos. Ao descanso, táboas, 39-39.

De volta dos vestiarios o partido moveuse polo mesmo canle, pero de novo cun Kostas Vasileidis desatado. Os seus puntos mataron o Zaragoza, pero foi a defensa colectiva a base sobre descansouna o baloncesto do colectivo de Moncho Fernández.

Porfirio Fisac non rematou de atopar a tecla para facerse co ritmo de xogo. Era unha das premisas que pedía na previa e foi Sábat o que manexou o minutero e o que soubo abastecer aos seus compañeiros.

Con iso e coa inspiración do aleiro grego o Monbus Obradoiro pechou o terceiro cuarto con catorce puntos de renda. Abriu o último con outro triplo de Kostas e mantivo a renda nos dezasete nos compases iniciais. Ata que chegou un dos habituais arreones do Zaragoza esta tempada. Cunha defensa máis pegañenta sobre Sábat, con máis axudas, conseguiu facer un curtocircuíto no ataque compostelán e fabricar un parcial 9-0 nun visto e non visto.

Moncho Fernández reaccionou. Sacou a pista a Navarro para axudar na subida de balón e a Singler para pór pouso, no que ata a data foi, con diferenza, o mellor partido do aleiro americano.

O Zaragoza chegou a achegarse a seis. Pero non estivo fino na longa distancia. O Obradoiro, por contra, pechou ben o rebote, non tremeu na liña de persoal e manexou ben os dous últimos minutos, no limiar dos dez puntos de renda.

Zaragoza 78: McCalebb (4), Okoye (20), Seibutis (2), Justiz (11) e Radovic (2) -cinco inicial-. Nacho Martín (6), Barreiro (2), Berhanemeskel (14), Santana (7), Alocén (2), Fran Vázquez (6) e Marc Martín (2).

Obradoiro 86: Sàbat (4), Vasileiadis (33), Singler (21), Llovet (2) e Brodziansky (10) -cinco inicial-. Simons (14), Obst, De Zeeuw, Spires, Navarro (2) e Hlinason.

Parciais en cada cuarto: 15-21; 24-18; 15-29; e 24-18.

Árbitros: Carlos Peruga, Sergio Manuel e Jacobo Rial. Eliminado por persoais Radovic.

Incidencias: Príncipe Felipe . Undécima xornada da Liga Endesa, con máis de sete milleiros de espectadores nas bancadas.