Entre os números e o xogo

Tito Díaz

ANDAR MIUDIÑO

02 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras as dez primeiras xornadas de Liga Endesa o Obradoiro está, en canto a resultados, case no previsto, sobre todo en casa. Por Santiago xa pasaron tres grandes, Madrid, Valencia e Baskonia, e o Obra gañoulles aos dous equipos máis da súa liga, Burgos e Gipuzkoa Basket, mentres que fose quizais agardábase un pouco máis tras a boa vitoria inicial ante o Gran Canarias.

En canto ao xogo, o Obra está a confirmar que é un equipo con ameaza exterior en case todos os seus xogadores, fai case os mesmos tiros de tres que de dous, uns 29 por partido, está bastante ben compensado, en características e en anotación, no seu xogo exterior, e quizais onde están as maiores dúbidas, coa excepción de Llovet, é preto do aro, en parte pola xa sabida mocidade e inexperiencia dos seus tres grandes, pero sobre todo por ese continuo ir e vir das lesións de De Zeeuw, a súa maior referencia inicial para o xogo interior que non acaba de ter continuidade: só once minutos de media nos sete partidos que xogou.