Estrañando a Artem Pustovyi

Miguel Gómez

ANDAR MIUDIÑO

02 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Transcorridas dez xornadas, danme certo temor tanto as estatísticas como as sensacións do equipo. Respecto da tempada pasada, o equipo anota case catro puntos menos (74,20 fronte a 77,90 puntos por partido) e practicamente encaixa os mesmos (81,30 por 80,65).

Nunha análise demasiada simplista, anota menos porque perde máis balóns (14,1 por 12,8) e colle menos rebotes ofensivos (8,7 por 10,4) e encaixa case ese punto máis porque intimida menos (2,7 tapóns por 3,5 por partido a tempada pasada). «Artem, veña, volve a casa por Nadal que Pesic non che entende».

Centrándonos nos que están, o equipo botou en falta ao belga Maxime de Zeeuw, chamado a principio de tempada a ser xogador franquía pola súa capacidade para xogar preto e lonxe do aro (co que iso significa á hora de gañar espazos en ataque), e a Ben Simmons, outro xogador que «alonga as axudas». En cambio, a chegada de Kyle Singler parece ter achegado máis recursos pero achicado espazos en ataque.