Menos tiros e menos posesións

Fran Camba

ANDAR MIUDIÑO

28 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Procura do talento individual contra infinitas solucións tácticas colectivas, consistencia na produción interior contra alto volume de lanzamentos triplos, Breo contra Obra.

Partindo da premisa de que os xogadores interiores de Breogán seguirían a liña de produción ofensiva ata a data, case sempre por amais de 1,05 puntos por posesión para calquera deles, o Obra necesitaba desequilibrar a liña exterior rival, conseguir que Redivo seguise consumindo ese volume de posesións e lanzamentos mantendo a eficiencia por baixo de 0,90 puntos por tiro. Todo o que fose distribuír esas posesións entre o resto de exteriores, sobre todo, Cvetkovic, Vidal e Kinsey, ía en contra dos intereses obradoiristas. A outra gran ameaza proviña de Gerun, o único xogador lucense cun balance mais/menos positivo e cunha enorme capacidade para que o seu equipo rebotee moito mellor cando está en pista.

Con estes factores controlados, o Obra necesitaba situarse na contorna de 1,10 puntos por posesión para levar o partido. E aí estivo a clave. Nun tenteador por baixo de 70 puntos, facer 11 tiros menos de campo que o rival e conceder 5 posesións máis en forma de balóns perdidos é demasiado lastre demasiado pesado.