O Obradoiro non puido cun Real Madrid que xoga de memoria

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. ADOITAR

A afección acabou coreando as decisións arbitrais a favor do equipo branco

21 oct 2018 . Actualizado ás 21:35 h.

Non houbo sorpresa en Sar. O Real Madrid abriu fenda cara ao final do primeiro cuarto e pasou o rodete. Non se viu inquietado en ningún momento, nun partido augado por unha arbitraxe obtuso que por momentos foi coreado pola afección, no último cuarto, cada vez que lle pitaban unha falta a favor aos merengues. Calquera que conectase nese momento co partido podería pensar que os de Laso xogaban en casa. Ironía de Sar que dificilmente esquecerán os encargados de dirixir a contenda.

Aínda sen Thompkins, Ayón, Taylor nin Llull, o Madrid é moito Miura. E cando Obst fíxolle tres avarías seguidas ao novo Pantzar no segundo cuarto, para achegar ao Obradoiro a trece puntos, Laso pediu tempo e recompuxo filas. Os brancos non regalaron nada.

Antes de chegar aí, o partido non empezou mal para o conxunto santiagués. Durante máis de cinco minutos discorreu por canles de igualdade polo desacerto en ambos os lados. Faltaban os triplos para facer dano aos visitantes. Dous de Pozas, dúas de Llovet e un de Navarro non atoparon a rede.

O caso é que o Madrid necesita moi pouco para coller voo. En apenas un minuto fabricou un 8-0 cun triplo de Yusta e unha antideportiva de Brodziansky sobre Tavares. Aí abriu fenda, e xa non se deixou sorprender.

O Obra intentouno, pero era unha loita desigual ante un adversario que xoga de memoria, que soubo buscar as vantaxes de Reyes e Kuzmic na pintura e liberar espazos para os tiradores. Ten de todo no seu repertorio e mesmo corrixiu as lagoas de outrora, aqueles minutos nos que parecía ausentarse.

Outra antideportiva, esta vez de Singler sobre Rudy, custoulle de novo un 0-5 aos composteláns, cun triplo de Carroll sobre a bucina.

O que non lle fallou ao Obradoiro foi a súa afección que, vendo o partido moi decantado, mostrouse cariñosa nos ánimos e crítica con algunhas decisións arbitrais nas que entendeu que o criterio non era o mesmo nos dous lados. Eran doce persoais contra oito, e dous desas oito feitas polo Real Madrid cara ao final do primeiro cuarto porque só levaba dous e tratou de evitar o último tiro.

Os visitantes chegaron ao intermedio con dezasete puntos de renda, 36-53. Salvo nos primeiros minutos, anotaron cunha continuidade demoledora, sen que o parecese. O partido, salvo xiro de 180 graos acompañado de milagre, estaba decantado. E non houbo nin unha cousa nin a outra.

O terceiro cuarto foise consumindo sen moita continuidade e sen o auxilio dos triplos para o Obradoiro. Foron dez minutos plácidos para o Real Madrid. Os de Moncho Fernández non atopaban o xeito de facer dano e pecharon o cuarto cun 52-71.

No último acto a afección propiciou o último arreón local do xeito máis insospeitado, coreando as decisións en contra dos árbitros. É coma se por un momento impor a teoría do desconcerto. Stephens cravou un par de triplos, Sabat engadiu outro, Obst un dous máis un, e Laso pediu tempo con 71-83, a falta de dous minutos e medio. E aí quedou a reacción.