Moncho Fernández lamenta a falta de acerto no cuarto final

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

SANDRA ALONSO

Precisa que non é habitual o 3 de 14 en triplos tras o descanso

14 oct 2018 . Actualizado ás 23:38 h.

«Cando perdes un partido no último segundo, todas as análises pasan polos pequenos detalles, que os houbo e moitos». Foron as primeiras palabras de Moncho Fernández despois da contenda, que deixou mal corpo por esa canastra final de Van Rossom ao límite.

«Creo que fixemos unha primeira parte bastante boa -continuou o técnico santiagués-. Eles tamén nos souberon atacar bastante ben. No último cuarto non anotamos accións que ao final foron importantes ,e con todo eles si. Hai tres de Will Thomas que foron definitivas, incluído un gancho coa esquerda e un fade away que lles pon dous arriba e é un canastón. E a asistencia final para Van Rossom. Polo camiño quedan os seis tiros libres fallados, o 3/14 en triplos nos dous últimos cuartos. Ao final, eles tiveron o acerto dos seus grandes xogadores para gañar un partido tan igualado».

Insistiu na falta de puntería: «Faltounos acerto no último cuarto, sobre todo nos triplos. Hai dous de Andy Obst, dous de Kendall, un de Kostas que fai a gravata... Son accións nas que normalmente estamos máis acertados. Eles xogaron moi intelixente, levando sempre o balón dentro. Houbo accións en que si cometemos erros. Pero as dúas últimas están moi ben defendidas e Will Thomas mete dúas canastras, sobre todo a última, espectacular».

Recalcou que salvo un triplo de Pozas moi forzado, porque se esgotaba a posesión, os demais estiveron ben buscados. «E un 3 de 14 non é habitual», precisou.

Concede que houbo momentos de precipitación, aínda que observa que son facilmente entendibles a estas alturas de tempada e con xogadores como Singler, que acaba de levar, ou Maxime de Zeeuw, que non puido exercitarse con continuidade pola súa lesión de nocello.

Sobre a última defensa, recoñece que o previsto era facer un dous contra un a Will Thomas. Pero pecháronse tres xogadores. E non quixo pasar por alto o mérito do pivote visitante, para sacar o balón, e do base escolta belga para anotar.

Jaume Ponsarnau

Como anticipara Ponsarnau, o Valencia viaxou sobre aviso: «Sabiamos que ían ter moitas cousas para coartar o noso xogo e castigar nosa defensa. A nosa formulación partía da enerxía, de ir buscando as nosas calidades e ir atopando xogadores». Na primeira parte viu claros e escuros no seu equipo. Na segunda «aprendemos, pero o Obra estivo moi ben». Cre que o Valencia soubo sufrir e acabou dándolle a volta.