O Obradoiro vive o soño da Supercopa

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

SANDRA ALONSO

Fai dez anos competía en categoría autonómica, esta noite mídese ao Real Madrid

22 sep 2018 . Actualizado ás 00:46 h.

A tempada 2008/09 o Obradoiro competiu en categoría autonómica. Pasaron dous lustros e o colectivo de Moncho Fernández se apresta a debutar na Supercopa. Ás 19 horas disputarán a primeira semifinal o Barcelona e o Baskonia. Ás 21.30 será a quenda do conxunto santiagués e o Real Madrid.

Parece un soño, pero é unha realidade, un paso máis na década máis exitosa do club, o sumatorio de moitas vontades en todas as frontes para ir crecendo na elite. Sen os resultados deportivos das últimas campañas, sen o apoio da afección ou sen o labor de zapa nos despachos a Supercopa que hoxe comeza non fose posible. Pero se o 30 de setembro de 1992 José Ramón Mato e José Anxo Docobo non desen un paso á fronte para evitar in extremis a disolución do club, probablemente hoxe non habería nin Obradoiro nin Supercopa.

O propio Moncho Fernández, preguntado respecto de se notaba un cosquilleo especial ante o debut na Supercopa, recoñeceu que aínda non había metabolizado sensacións: ««O vórtice destes acontecementos esíxeche tanto que non che dá tempo a pensar. Seguro que o pensarei máis adiante. Pero cando vexa Sar cheo e vexa o espectáculo que vai ser isto direi que sorte teño de estar sentado nun dos bancos». E dirao un técnico que, de neno, viu xogar ao Obra no vello pavillón de Sar.

Invocando a excelencia

As apostas están claramente ao lado madrileño. As opcións do conxunto santiagués pasan por raiar a excelencia : «Tes que estar perfecto para poder bater ao Madrid, perfecto en ambos os lados da pista, e ter un chisco de sorte no acerto».

O colectivo de Pablo Laso está infestado de xogadores capaces de resolver moitas situacións a través do talento. No entanto, Moncho Fernández advirte de que o rival é moito máis que iso: «O Madrid ten moitísimo talento individual, pero para ser campión de Europa e campión de Liga tes que ser tácticamente bo, e o Madrid é tácticamente moi bo nas súas lecturas individuais e nas súas lecturas colectivas. O brillo individual das grandes estrelas que forman o equipo madrileño fainos esquecer que colectivamente son un grandísimo equipo. Só hai que ver a defensa da final de Euroliga ou para ser campións de Liga Endesa».