Felipe Reyes: «O Obra ten tiradores e interiores que poden lanzar desde fóra»

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. ADOITAR

Laso destaca a paciencia do conxunto santiagués en ataque

22 sep 2018 . Actualizado ás 00:47 h.

Felipe Reyes encara a súa décimo quinta tempada no Real Madrid. Antes estivo seis campañas no Estudantes. E a pesar de máis de dúas décadas en primeira liña de batalla, conserva a ambición e as ganas de seguir na fenda intactas: «Para nós xogar tantos anos seguidos a Supercopa Endesa é importantísimo e quere dicir que se están facendo as cousas ben. Hai que gozar do momento».

É un título que se lle resistiu aos brancos ao longo das tres últimas campañas. Queren romper ese refacho e o primeiro escollo é o Obradoiro. Así percibe o capitán merengue ao conxunto santiagués: «Teñen un equipo moi completo, con tiradores e interiores que poden lanzar desde fóra. Teñen un bloque que se coñece á perfección. Non che podes despistar. Temos que estar preparados para que non nos sorprendan». Tamén lembrou que é o anfitrión e que xogará á calor do seu público.

Respecto do que poidan achegar as dúas caras novas no seu equipo, indicou: «Prepelic axudaranos a abrir o campo. Xoga por detrás da liña de 6,75 metros e ten moi boa porcentaxe desde longa distancia. Deck é un tío intenso co típico carácter arxentino que vai por todas e déixase a pel».

Pablo Laso deixou as súas impresións sobre o Obradoiro antes de emprender viaxe cara a Compostela: «Sabemos o que nos agarda en Santiago. Un estilo moi definido polos anos que leva Moncho alí facendo un gran traballo. É un equipo con moito perigo no tiro de tres puntos. Sabe ter paciencia en ataque. Para gañar alí imos ter que facer moitas cousas ben».

Tamén falou das dúas fichaxes desta tempada nas filas brancas: «Gabriel Deck e Klemen Prepelic adaptáronse moi ben. Klemen ten un bo bloqueo e continuación e Gabi pode xogar en varias posicións con moito poderío físico. Vainos axudar moito».

O Obradoiro agarda recuperar a Nick Spires e son moi escasas as opcións de que poida xogar Maxime de Zeeuw. Nas filas brancas,Thompkins e Santi Yusta arrastran problemas físicos.