Baloncesto do bo

Tito Díaz

ANDAR MIUDIÑO

SANDRA ALONSO

21 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Se aviene unha fin de semana de baloncesto en Santiago coa disputa da Supercopa. Gran mérito, por certo, do Monbus Obradoiro o de poder organizar un evento desta magnitude. Pon en claro a constante progresión e o traballo serio que leva facendo desde fai xa uns cantos anos no club santiagués, e tamén o imprescindible apoio das institucións, o compromiso da Deputación da Coruña e o Concello de Santiago para co baloncesto. Parabén a todos e moitas grazas por facernos chegar, en vivo e en directo, baloncesto do bo a todos os galegos.

Os catro equipos participantes, Madrid (campión de Liga ), Barcelona (campión de Copa), Baskonia (subcampión de Liga ) e o propio Obradoiro coinciden en repetir equipo técnico (apenas algunha variación nos axudantes de Pedro Martínez en Vitoria) e tamén en dar continuidade a moitos xogadores nos seus persoais. No Madrid só dous xogadores novos, Prepelic e Kuzmic; tres no Baskonia , Penava, Shields e Hillard; no Obra continúan sete da tempada anterior e incorporáronse seis novos, os aleiros Stephens, Obst e Vasileiadis, que regresa, a á-pivote De Zeeuw, e os interiores, Hlinason e Brodziansky, que son as maiores dúbidas, dada a súa inexperiencia e mocidade, que xera o equipo santiagués. Mentres, o Barça tamén presenta ata seis incorporacións, os exteriores Pangos, Blazic e Kuric, os á-pivote Singleton e Rolands Smits e o interior é Obradoiro, Artem Pustovyi. Será outra das atraccións do torneo o feito de velo xogar nun grande tras o seu paso e aprendizaxe no Obra.

É, creo, unha boa noticia a continuidade de adestradores e groso dos persoais nos equipos. Dá tamén continuidade ao estilo de cada adestrador, cos lóxicos novos matices que se verán. Axilizan a construción do seu xogo, melloran os «mecanismos internos», hai máis coñecemento entre os xogadores, e destes cos seus adestradores, e ademais conséguese unha maior e mellor identificación das afeccións cos seus xogadores, e en suma, cos seus equipos.

Seguro que veremos, pois, a pesar de estar ao albor da tempada, uns equipos cun xogo bastante definido e xa avanzados no baloncesto que queren pór en práctica esta tempada.

Así que agardamos un gran venres, con dous semis interesantísimas, un apaixonante Barça-Baskonia para empezar, e logo a semifinal de aquí, o Madrid-Obra, dous equipos quizais en dous «mundos» distintos, pero ambos sabendo ben a que queren xogar, e cada un cos seus acenos de identidade moi marcadas: o Madrid de Laso, defensa, ritmo, contraataque e buscar o aro en cada ataque; o Obra de Moncho, cun baloncesto máis elaborado, máis táctico, con todo moi pensado, unha defensa agresiva e compacta, e con todos os xogadores participando case sempre en todos os ataques do equipo.