O Obradoiro renova os seus votos

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

Kostas Vasileiadis, na súa terceira etapa no club, atopouse «o de sempre, familia»

15 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Cambian algunhas caras. Nesta ocasión, tamén o parqué de Sar. Pero o grupo destila a mesma ilusión e a mesma proximidade de sempre, tanto os que seguen como os que se estrean. Así arrincou a pretemporada do Obradoiro, con moito traballo de reconstrución por diante. O retornado Kostas Vaslieiadis resumiuno nunha frase, ao ser preguntado respecto do que atopara: «O de sempre, familia». Afronta a súa terceira etapa no club. E, segundo as súas propias palabras, agarda que sexa a última. Confésase «feliz» de estar outra vez en Santiago, «con moita ilusión e moitas ganas».

Chega con ambición, tras militar en equipos habituados a clasificarse para a Copa do Rey : «O primeiro é facer un bo grupo e traballar ben. Se o consegues, podes facer moitas cousas, como entrar na Copa». Polo visto tras as tres primeiras sesións, o proxecto arrinca por bo camiño: «É un moi bo grupo, con bos mozos, moi traballadores. Iso é moi importante».

Un dos novos é Hlinason, que recala en Sar coas ideas moi claras: «Este ano é moi importante para min. É unha oportunidade para ter minutos. Intentarei facer o meu baloncesto, mellorar día a día e achegar ao equipo».

Sabe que chega a un equipo no que Pustovyi deixa un gran oco, tras unha gran progresión que lle valeu para ir ao Barcelona. Hlinason confía igualmente en ir de menos a máis. De momento, está encantado coa cidade, e coa temperatura: «Vinte graos é perfecto para min. En Valencia fai moita calor».

Maxime de Zeeuw

Outro dos novos é Maxime de Zeeuw. Afronta «o maior reto» da súa carreira, «na liga máis importante de Europa». O pasado curso coincidiu con McConnel no Oldemburg. Todo o que lle comentou sobre o Obra e Compostela «era moi positivo». E estao comprobando en primeira persoa: «Todo o mundo é moi amable, tanto os compañeiros como a xente. A cidade é perfecta para a familia». É un catro, pero tamén pode adaptarse á demarcación do cinco.

Andreas Obst pronúnciase en termos similares aos de De Zeeuw: «É un reto enfrontarse cada fin a algún dos mellores xogadores de Europa». Tamén buscou referencias de primeira man, a través de Maxi Kleber: «Faloume moi ben dos técnicos, o equipo e a cidade, dun sitio ideal para mellorar».