Nick Spires: «Traballei moito este verán»

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

O pivote está chamado a gañar protagonismo no xogo interior do Obradoiro

16 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O desexo de Pechacek de buscar máis minutos propiciou a súa marcha do Obradoiro, coa pasada tempada xa iniciada. O club reaccionou coa contratación de Nick Spires para cubrir ese oco, un internacional sueco que se formou na canteira do Barcelona e que ocupa praza como coubo. Chegou como quinto pivote, pero foi gañándose os seus minutos e participou en vinte e catro partidos, as máis das veces para dar descanso a Pustovyi. Asinou o seu mellor expediente en Sar ante o Real Madrid, con 12 puntos e 4 rebotes en apenas once minutos.

Spires sabe que pode estar ante unha gran oportunidade de relanzar a súa carreira, tras a marcha do pivote ucraíno, nun xogo interior ao que chegan dous debutantes na ACB e o mozo Hlinason. En calquera caso, opta por un discurso prudente cando se lle pregunta se a afección vai ver a un xogador mellor que o pasado curso: «O único seguro é que traballei moito este verán, no apartado físico e individualmente. O que agardo é axudar ao equipo dentro dos sistemas en todo o que sexa posible. Xa veremos como sae. O que é seguro é que vou pór todo da miña parte. Chego á pretemporada con moitas ganas. Non son un novo Nick, pero creo que mellorei un pouquiño». Os sete quilos que gañou acreditan que aproveitou o verán seguindo as indicacións que lle deron para gañar contextura muscular, sobre todo no tren superior.

Spires insiste en apelar ao día a día: «O que podo facer eu é traballar duro na pretemporada, como sempre. Estou aquí para axudar». E móstrase convencido de que a afección vai gozar co Obradoiro 18/19: «É un equipo moi interesante. Levamos poucos adestramentos, centrados no apartado físico. Pero paréceme que vai ser moi divertido ver xogar ao Obra».