Cinco xogadores da canteira farán a pretemporada co primeiro equipo

La Voz

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

Alfonso Ortiz, fichado este verán, será cedido a un equipo de LEB Prata

14 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Cinco canteiráns do Obradoiro traballarán durante a pretemporada co primeiro equipo. Catro deles xa estiveron na primeira sesión: o base Rafael García, o aleiro Enrique Melini e os pivotes Brais Losada e Alexei Pérez. O quinto é unha fichaxe deste verán, que estivo concentrado coa selección sub 20 e que non pasou o último corte. Trátase dun base escolta de 1,90 metros, Alfonso Ortiz, que presenciou as evolucións dos seus compañeiros a pé de pista, vestido de rúa. Recupérase dun golpe no nariz e non poderá integrarse na disciplina de grupo ata mediados de semana. Despois da pretemporada, todo apunta a que será cedido a un club de LEB Prata.

Os cinco xogadores verán incrementado o seu protagonismo durante as ausencias motivadas polas convocatorias internacionais na fiestra FIBA de setembro.

O segundo equipo do Obradoiro xogará esta tempada en Primeira Nacional, con boa parte dos xogadores que o pasado curso chegaron á fase final do Campionato de España en categoría júnior.

Unha das novidades estará no banco. Denís Pombar tomará as rendas, tras a marcha de Oriol Junyent.

O plan de traballo será similar ao da campaña 17/18 e o cadro técnico intentará implementar máis sesións de traballo individuais, na medida que sexa posible conciliar a dispoñibilidade de instalacións e os horarios académicos dos xogadores. O segundo cadro de persoal partirá co obxectivo do ascenso no horizonte.

O equipo júnior está en fase de reconstrución, xa que a maior parte dos seus xogadores acceden xa a categoría sénior. Tamén aquí hai novidades no banco. Farase cargo Camilo Riveiro. Neste caso o obxectivo volverá ser a clasificación para tomar parte na fase final do Campionato de España.