Deporte profesional

Manuel García Reigosa
M. G. Reigosa O PERISCOPIO

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

07 jun 2018 . Actualizado ás 00:13 h.

É doado entender ao Obradoiro e a Corbacho. É deporte profesional. O club non fai senón executar unha cláusula do contrato, do mesmo xeito que o xogador preferiu fai tres anos a oferta do Baskonia para xogar en Euroliga á renovación que lle propuñan en Sar. De igual xeito que Thomas vai pagar a cantidade que lle permite ser dono do seu futuro, porque así o estipula o acordo ao que chegou no seu día coa entidade. E non é difícil comprender que ao 33 non lle fixese graza que tivesen pensado unha rebaixa na súa escala salarial.

Cuesta máis entender que o xogador non agardase, polo menos, a coñecer a nova proposta. Porque sempre convén escoitar. Porque as dúas partes parecían condenadas a entenderse, porque os triplos de Alberto Corbacho, do 33, sempre foron distintos, pola súa conexión coa afección, polo xeito na que tantas veces levantou á xente dos seus asentos. Por tantos porqués.

Todo apuntaba a que as dúas partes sempre acabarían atopando un punto de equilibrio para conciliar números, cotizacións, expectativas e emocións. Pero non foi así.

A partir de agora, o Obradoiro terá que acostumarse a continuar sen un dos seus grandes referentes e Corbacho a buscar un novo destino lonxe do club no que ofreceu o mellor rendemento da súa carreira.

Soa raro, máis aló de debates estatísticos, tácticos, técnicos e emocionais. É deporte profesional.