A vitoria do Fuenlabrada deixa ao Obradoiro sen opcións europeas

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

Loitará por manter a duodécima praza na última xornada

22 may 2018 . Actualizado ás 21:10 h.

A falta dunha xornada, o Monbus Obradoiro queda sen opcións matemáticas de aspirar á undécima praza, despois de perder en Tenerife e de que o Fuenlabrada se reencontrase coa vitoria en Zaragoza.

Por contra, o triunfo do Gipuzkoa Basket fronte ao Joventut pon en risco a duodécima posición que actualmente ocupa o colectivo de Moncho Fernández.

O xoves, en horario unificado, ás 20.30, disputarase a última xornada da Liga Endesa. O Obradoiro recibe ao Baskonia e o conxunto donostiarra visita ao Fuenlabrada. O cadro santiagués conservará a praza que actualmente ostenta se gaña aos vitorianos ou ben se o Gipuzkoa Basket perde no seu desprazamento.

De cara ao peche da tempada, Moncho Fernández agarda recuperar a Matt Thomas, que foi baixa de última hora en Tenerife por unha gastroenterite. E está por ver se Bendzius, que viaxou pero non chegou a xogar, pode disputar algún minuto.

Derrota do equipo cadete

Por outra banda, o equipo cadete do Obradoiro arrincou o Campionato de España da categoría, en Lleida, cunha clara derrota fronte ao La Salle, campión de Baleares: 86-56.

Dous factores marcaron a diferenza. Os insulares foron moi superiores no capítulo dos rebotes (49 fronte a 36) e nos lanzamentos de longa distancia. Asinaron unha gran porcentaxe, con nove canastras de dezaoito lanzamentos desde detrás da liña de 6,75 metros, mentres que os discípulos de Camilo Riveiro quedaron en só dous de dez.

No outro partido do grupo o Valladolid tamén gañou con autoridade, ao EM Medio Cudeyo de Cantabria, 84-52.

Hoxe disputarase a segunda xornada. O Cenor Obradoiro enfrontarase ao Valladolid , ás 12.30, e antes xogarán o La Salle e o EM Medio Cudeyo.