Sorte na fase

Moncho Fernández

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

03 may 2018 . Actualizado ás 19:56 h.

Corría o mes de maio de 2001 e apenas unha semana despois de ter finalizado a miña primeira tempada en ACB, como adestrador axudante de Moncho López no Xixón, sentábame nas bancadas do Pisuerga para ver na fase final do Campionato de España ao equipo júnior do Peleteiro. Mentres vía a aqueles mozos, comandados na pista por Chus Castro e na banda por Basilio Pampín, pensaba: «¡Que chulo ten que ser xogar un Campionato de España!».

Dezasete anos despois, e con moitos máis partidos e experiencias ás miñas costas, aquel pensamento permanece idéntico. Por iso, aproveitando a oportunidade que me brindan, quixese dirixirme a todos os que formades parte do equipo júnior do Obradoiro Peleteiro para transmitirvos unha felicitación, un consello e un desexo. Felicidades, non polo conseguido, se non por ter percorrido o camiño. Horas de adestramentos, de específicos, de compartir exames e sesións de tiro, de roubarlle tempo á xornada para compatibilizar estudos e básquet, de sesións de dribling e noites estudando para o día seguinte, de lesións inoportunas e frustrantes, en definitiva, de esforzo e sacrificio. Felicidades aos vosos adestradores, Denís, Danny e Marcos, que foron técnicos, titores e guías nese camiño, que vai máis aló do meramente baloncestístico.

Un consello quería darvos, Rafa, Luis, Alexei, Mario, Víctor, Juan, Quique, Andrés, Diego, Sergio, Álex e Lolo. Gozade dunha experiencia única, no deportivo, no persoal e o colectivo. Daravos recordos que permanecerán para toda a vida.

E un desexo: ¡Sorte na fase, rapaces!