Derrota das que doen para o Obradoiro

ANDAR MIUDIÑO

Sandra Alonso

Tras un primeiro tempo maxestoso, no segundo non puido cun Unicaja que levou o partido a a prórroga e sentenciou

14 abr 2018 . Actualizado ás 19:46 h.

Ao Obradoiro escapóuselle un deses partidos que doen, porque sumou moitos méritos para amarrar o triunfo. Pero se lle escurrió entre os dedos porque nos momentos decisivos o Unicaja de Málaga tivo máis callo e máis acerto. No último cuarto, un tiro libre que se lle saíu do aro a David Navarro, un par deles de Radovic ou un balón que lle botou no pé ao escolta na última posesión, máis algunha decisión de Aliaga levaron o choque ao tempo suplementario. E aí xa non houbo historia. O conxunto local esgotouse.

O Monbus Obradoiro saíu vitorioso na primeira parte grazas a un extraordinario acerto na longa distancia, especialmente no segundo cuarto. E a iso engadiulle unha boa actividade defensiva.

Arrincou máis enchufado o Unicaja de Málaga, con Nedovic moi activo. Pero aos poucos o colectivo de Moncho Fernández foille dando ao volta á dinámica. O equipo agradeceu a inspiración de Bendzius, autor de tres triplos.

En fronte, Joan Praza multiplicou as rotacións. En dez minutos probou con once xogadores e diferentes combinacións para chegar ao final do primeiro acto cun 22-16.

O segundo foi o dos tiróns. Empezou cun triplo de Pozas. Anotou unha dobre McCallum e chegou un parcial 16-0 cun triplo de Corbacho, unha canastra maxestosa de Pozas a aro pasado tras roubar o balón, dous triplos de Thomas ao contraataque, unha dobre de Sabat e outro triplo de Thomas.

O Unicaja encomendouse a Danie Díez, o único que non xogara no primeiro cuarto. El só anotou sete puntos seguidos para frear a avalancha santiaguesa. Ao descanso o electrónico reflectía un 45-28.

O último cuarto arrincou con moitas imprecisións polos dous lados, cun tira e afrouxa que mantivo a igualdade no marcador ata que o Obradoiro se atascou e encaixou un parcial 0-10 para encarar o último acto con 61-51.

A historia repetiuse no cuarto final. Primeiro, compases de igualdade con Nedovic e Thomas nun man a man espectacular. Pero o escolta americano de súpeto entrou en barrena e non saíu ninguén ao rescate. No Unicaja, si. Alberto Díez e Waczynski tomaron o relevou e levaron o duelo á prórroga. Nos minutos suplementarios dominou o conxunto andaluz, con máis físico e máis banco. Amarrou un triunfo que chegou a ver moi lonxe.