Cando a necesidade obriga

KOKE RAMA A OPINIÓN

ANDAR MIUDIÑO

01 abr 2018 . Actualizado ás 18:13 h.

Dous estilos de xogo contrapostos déronse cita en Burgos, unha cidade que garda certos paralelismos coa nosa á hora de xulgar a paixón por este querido deporte. Necesitaba gañar o equipo burgalés para seguir mantendo as súas opcións de continuar na Liga Endesa, máis se cabe despois de sete derrotas consecutivas. E iso talvez puido coa competitividade que ofreceu o Obra durante gran parte do encontro.

Durante a primeira metade, o Obradoiro foi dono do ritmo do partido, con posesións cociñadas que case sempre atopaban vantaxes para anotar e cunha defensa máis que correcta, dominando o rebote. Iso fixo que os de Moncho Fernández puidesen manexar mellor o ataque.

O partido cambiou no terceiro cuarto, no que o Burgos se apropiou do encontro. Baixo a batuta de Fisher (22 puntos), e unha arbitraxe pouca afortunado, empezou a tomar vantaxes no marcador. Todo isto, unido ao pouco acerto e claridade de ideas en ataque dos galegos, incrementándose o número de perdas en relación aos dous primeiros cuartos, fixo que se entrase no último cuarto con seis puntos por baixo e con sensacións pouco gratificantes.

Chegouse ao último acto, no que a necesidade de vitoria dos locais, co apoio do seu público, espoleó ao Burgos ata tomar unha vantaxe de once puntos, que ao cabo resultaría definitiva. O Obra non baixou os brazos e mesmo chegou a pórse a dous a falta de tres minutos, pero dúas canastras moi afortunadas do Burgos finiquitaron un partido que os de Diego Epifanoio mereceron gañar. Iso si, creo que talvez máis por deméritos do noso Obradoiro.

Agora é importante non baixar os brazos e pensar que estar en terra de ninguén non é motivo para non seguir competindo. Hai obrigación de dar o máximo de mentalidade e concentracion en cada un dos partidos que faltan.