O Obradoiro traballa a piñón fixo

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

Paco Rodríguez

Dá igual o rival e a clasificación, todos os partidos reciben a mesma atención

16 mares 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Monbus Obradoiro visita este sábado ás 20.30 ao Joventut de Badalona, pechacancelas con só catro partidos gañados. A falta de doce xornadas para a conclusión da fase regular da Liga Endesa, a histórica Penya está a dúas vitorias da salvación. Atravesa tamén unha delicada situación económica, que pode conducir á disolución da entidade. As urxencias probablemente obrarán como estímulos. E agárdase unha afluencia de público por amais da media desta tempada, que non chega aos cinco milleiros de espectadores. Todo apunta a que se superará ese limiar.

Todas esas connotacións non cambiarán o plan de ruta dun Obradoiro que traballa a piñón fixo na preparación de cada partido. Dá igual a entidade do rival, as circunstancias que envolvan a contenda ou o momento do calendario en que chega a cita, tal e como significou Moncho Fernández antes de emprender viaxe.

Agarda un partido recio ante un rival dinámico, que aposta por un baloncesto vertical sempre que pode, sobre todo tras roubo de balón. E se ten que elaborar as xogadas, sabe buscar as vantaxes, especialmente a través de Jordan e Laprovittola.

En defensa é un equipo moi activo, moi traballado nas axudas para evitar as penetracións ata a canastra e os tiros cómodos dos pivotes preto do aro. Tamén é agresivo sobre as liñas de pase. Un dato referenda esa actividade: é o segundo da Liga Endesa que máis balóns rouba. O Alquimista de Pontepedriña está convencido de que o duelo se decidirá nos pequenos detalles.

Albert Sabat, que xogou dúas tempadas en Badalona, avisa de que o Joventut é especialmente perigoso como local. Os seus catro triunfos asinounos ante o seu público.

E Moncho Fernández lembrou que se lle escaparon partidos por moi pouca marxe, dos que poden caer para calquera lado. É o caso das visitas do Barcelona (gañou de dous, 72-74), o Tenerife (de tres, 73-76) e o Estudantes (tamén de tres, 93-96).