Máis frontes de tiro

Fran Camba O ESCÁNER

ANDAR MIUDIÑO

01 mares 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Obra acadou a xornada 20 da competición co mellor rexistro xamais obtido en todas as tempadas ACB. Nunca antes estivera a estas alturas cun 50 % de vitorias e con seis partidos de marxe sobre a penúltima praza que marca o descenso.

Á parte de poder contar coa totalidade do persoal durante case todos os partidos xogados ata agora, exceptuando a Jordan Bachynski, a diferenza fundamental con respecto á tempada pasada é a posibilidade de repartir as responsabilidades anotadoras entre máis xogadores e, sobre todo, o acerto no lanzamento de tres puntos.

Durante o curso 16/17 o Obra consumiu o 39 % dos seus lanzamentos desde o triplo para obter un rendemento inferior a 1 punto por tiro. Ademais, só tres dos lanzadores habituais (Dulkys, Whittington e Pozas) situáronse claramente por amais dese rexistro anotador.

Este ano o panorama é bastante diferente. O Obra elevou ata o 42 % o volume de lanzamentos de tres puntos e consegue 1.03 puntos por tiro triplo. Entra así no selecto club dos equipos que renden por amais dun punto por cada tiro de tres intentado e no que se atopan sete dos oito equipos que, a día de hoxe, pasarían a disputar as eliminatorias polo título.

Ademais de consumir un volume de lanzamentos maior desde o triplo, o Obra logrou ata agora colocar eses tiros nos xogadores que ofrecen un maior rendemento e nas situacións nas que se anota cunha probabilidade maior. Entre os seis xogadores que consumen máis triplos mentres están en pista (Sabat-Simons- Bendzius-Thomas-Corbacho-Laksa) atopamos a catro que se sitúan claramente por amais da media de eficiencia do equipo, é dicir, por amais de 1.03 puntos por tiro triplo. O Obra logrou complementar este extraordinario rendemento desde o triplo cunha moi boa eficiencia desde o tiro de dous puntos (1,05 puntos por tiro), é dicir, o equipo mantén o rendemento independentemente da zona de lanzamento, un aspecto importantísimo á hora de enfrontarse a calquera defensa.