Imos mozas... Sorriamos !!

KOKE RAMA BALONCESTO

ANDAR MIUDIÑO

22 ene 2018 . Actualizado ás 00:39 h.

Gustoume o sorriso de Pustovyi ao final do partido (imos mozas), volvemos sorrir por uns días.

Era un partido e unha cancha propicia para pór fin ao refacho de sete derrotas. O Bilbao Basket non está no seu mellor momento e era un rival «ganable», se temos en conta a súa clasificación e o seu xogo. Ademais, o engadido de gañar fóra de casa é máis importante se cabe.

Non entrou ben o Obra no partido, cunha defensa frouxa e pouco acerto en ataque. A partir do segundo cuarto subiu o nivel defensivo e cun xogo máis colectivo o equipo puido chegar vivo ao descanso.

A saída no terceiro cuarto foi unha das claves para entender esta importante vitoria, xa que en menos de tres minutos o equipo santiagués púxose arriba. Empezaron a entrar os tiros e a defensa aumentou o seu nivel. O equipo entendeu a forma de furgar na ferida e forneceu de balóns a un gran Pustovyi, que soubo agradecer aos seus compañeiros a variedade de pases, en forma de canastras valiosísimas.

A defensa, sen chegar a ser de manual, si que foi algo máis consistente que outras veces, sobre todo en canto a rotacións e axudas. E o rebote, clave no día de onte (cun total de 42 capturas). A diferenza de valoración estatística entre ambos os equipos tamén axuda a entender o bo partido realizado (65-105).

Sabendo que os equipos ás veces son estados de ánimo, confiemos que esta vitoria axude a todos a sorrir máis, a xogar con confianza e ter claro que sen defensa non hai paraíso.

Agora, xa chove un pouco menos.