Sen nenos non hai paraíso

Miguel Gómez

ANDAR MIUDIÑO

11 dic 2017 . Actualizado ás 20:07 h.

Os nenos son crueis, moi crueis. É unha crueldade inocente, certo, pero non deixa de ser crueldade e faise necesario educalos no respecto. A educación, como todo docente coñece, divídese en catro etapas: o diálogo (gustaríache que cho fixesen a ti?), a ameaza (ou deixades de botar ou non xogades), o castigo (as pelotas gardadas baixo chave) e o recordo (se Herodes levantase a cabeza). Finalizadas estas catro etapas os nenos haberanse convertido en adultos crueis pero sen ningún indicio xa de inocencia. Sen botes non hai paraíso.

Tras un primeiro cuarto de intercambio de canastras, o Betis encadeou un par de boas defensas e o Obra un par de erros de vulto. A inquedanza dos locais transformouse en euforia e, a pesar dos cambios, o Obra foise do partido. Arrincamos mellor o terceiro cuarto e tivemos a esperanza de que a euforia bética convertésese de novo en inquedanza, en medo a perder. Falláronse catro tiros libres e dous ou tres triplos liberados que nos deixaron a distancia dunha posesión e, sobre todo, faltou contundencia en defensa.

Quizais porque as faltas de Pustovyi e Radovic deron osíxeno a Kelly (un catro de 2,11 complicado para defender con Simmons ou Bendzius), quizais porque Schilb acudiu ao rescate dos sevillanos nos seus momentos máis delicados, encaixamos 36 puntos na segunda parte que non serían un mal dato para Fran Camba pero si cando se trata de remontar 21 puntos. Toca revisar erros e a pensar no Madrid.