O segundo cuarto matou o Obradoiro en Sevilla

Manuel García Reigosa
M. G. Reigosa SANTIAGO

ANDAR MIUDIÑO

David da Rosa-LOF

Reaccionou tras o descanso pero non puido impedir a primeira vitoria do Betis

10 dic 2017 . Actualizado ás 20:47 h.

O Obradoiro non foi o Obradoiro en Sevilla na primeira parte. Fixo o que levou o Betis a ser pechacancelas, atacar mal e defender peor. Desactivouse como facía tempo que non lle sucedía e regalou ao rival o contexto que máis desexaba. No segundo cuarto, inexplicable e pésimo, o parcial foi 25-5. Foi demasiada desvantaxe, aínda que pelexou por darlle a volta e estivo preto de logralo.

Xa non pintaba ben no primeiro acto, a pesar de que acabou cun axustado 22-21. Ao partido faltáballe tensión, era un estraño intercambio de canastras, con repartición de erros, nun ambiente frío, con pouco público. No segundo cuarto viuse un Obradoiro irrecoñecible. Dúas perdas de balón absurdas custáronlle un parcial 7-0 de Uriz, cun dous máis un e un tres máis un. Moncho Fernández bateu a marca de cambios en busca de solucións. Sabat foise ao banco antes dos tres minutos, probou con Thomas e Navarro, despois Laksa, tivo que volver o americano, tamén Bendzius, Simons pasou inadvertido. Pustovyi non tiña o día. Menos Corbacho e Spires todos pasaron pola pista e ningún estivo fino. Ao descanso, 47-26, cun meneo dos que doen nun equipo que non é sospeitoso de deixarse ir pero que non estaba a dar unha a dereitas.

 

O Obradoiro volveu do intermedio con outra cara. Nun minuto anotou tantos puntos como no segundo cuarto. Atopou algo máis de fluidez en ataque pero non rematou de axustar ben o seu defensa. Nos peores momentos Schilb anotou puntos de moito valor. E ao final foi o que decantou o partido. Moncho seguiu coas rotacións. Debutou Spires, que pode ser unha interesante substitución para Pustovyi, e o conxunto santiagués chegou vivo ao último cuarto, aínda que coa sensación de que non era o seu día. No penúltimo ataque do terceiro cuarto non lle entrou o triplo a Corbacho e sobre a bucina McGrath cravou un para pór o 66-54. Nun partido tan raro a diferenza anímica entre o que puido ser, un 63-57, e o que foi, o 66-54, era moita.

O Obradoiro non deixou de apertar os dentes e noutro día menos aciago talvez coroase a remontada. Con 74-69 Llovet fallou o segundo tiro libre. Con 76-69 os árbitros non pitaron unha antideportiva de Anosike a Pozas e o base marró un tiro libre. Con 76-70 Simons e Bendzius tiveron senllos triplos que non entraron, mentres que Schilb non perdoou co seu. E aínda dilapidou unha última opción á desesperada o cadro de persoal compostelán. Con 79-74 e 34 segundos Dreaper consumiu os cinco segundos de posesión. E a Thomas escapóuselle o balón na recepción. Foron tantos agasallos que o Betis, a pesar de que se lle viu a condición de pechacancelas na segunda parte, non deixou escapar a ocasión de sumar a súa primeira vitoria.

Betis 83: Draper (5), Schilb (23), Nelson (2), Anosike (3) e Kelly (21) -cinco inicial-. Golubovic (10), Uriz (9), Iván Cruz (5), McGrath (5) e Alfonso Sánchez.

Obradoiro 77: Pozas (12), Thomas (17), Bendzius (9), Llovet (16) e Pustovyi (10) -cinco inicial-. Sabat (3), Simons (3), Radovic (4), Corabacho (3), Laksa, Navarro e Spires.

Parciais en cada cuarto: 22-21, 25-5, 19-28 e 17-23.

Árbitros: Pérez Pizarro, Serrano e Sánchez Mohedas.

Incidencias: Pavillón de San Pablo, 2.600 espectadores.