Alberto Corbacho, sobrevivente do último duelo entre o Obradoiro e o Burgos

LA VOZ SANTIAGO

ANDAR MIUDIÑO

Álvaro Ballesteros

En xuño do 2011, o xogador mallorquino gozou co ascenso do conxunto santiagués

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Para Alberto Corbacho, o partido desta quinta xornada ante o Burgos «será especial porque é un equipo que forma parte da historia do ascenso do Obradoiro». Foi en xuño do 2011 cando o Obra asinou o terceiro e definitivo triunfo na serie do play off polo ascenso ante os burgaleses (64-75).

Seis anos despois, Obra e Burgos volverán verse as caras, aínda que as cousas cambiaron moito desde entón. Pero quen si viviu aquela xornada foi Corbacho, que considera que o duelo do sábado será «moi importante» para o seu equipo. «Temos que pelexar por conseguir a vitoria e manter a serie positiva no Multiusos de Sar», explica o mallorquino. Ademais, lembra que aquel ascenso foi «un premio que estaba a buscar desde hai tempo, nunha serie moi dura. Aquel Burgos era un equipo moi competitivo e xogaba nunha cancha moi difícil. Conseguimos o ascenso nun partido que foi realmente vibrante».

O xogador balear ve no Burgos un equipo «con ganas de crecer e mellorar», que conta con xogadores novos que teñen outra oportunidade de competir nesta Liga , cun bloque que segue da LEB Ouro.