Robbie Hummel retírase do baloncesto profesional

ANDAR MIUDIÑO

XOÁN A. SOLER

Destacou no Obradoiro que logrou a clasificación para o play off

04 oct 2017 . Actualizado ás 14:10 h.

Robbie Hummel, que debutou no baloncesto profesional da man do Obradoiro na tempada 12/13 e formou parte do equipo que logrou a histórica clasificación para disputar as eliminatorias polo título de Liga , decidiu pór o punto e final á súa carreira profesional nas canchas aos 28 anos. Así o anunciou nunha carta que difundiu a través da redes sociais.

Os problemas físicos perseguírono xa desde a súa etapa universitaria en Purdue. O Obradoiro fichouno a propósito, e a pesar de que antes de empezar a campaña volveu sufrir un contratempo no xeonllo da que fora operado dúas veces dunha rotura de ligamento cruzado. Agardouno e asinou como substituto temporal a Bernard Hopkins.

Hummel asinou unha gran tempada, como o resto do equipo, e significouse como un magnífico tirador de media e longa distancia. Esa boa traxectoria valeulle para cumprir o seu gran soño, o de dar o salto á NBA, nos Timberwolves de Minesotta. Volveu a Europa para disputar a Euroliga co Milán. E o seu último equipo foi o Khimky ruso.

«A triste realidade é que tiven problemas para non caer lesionado desde o meu segundo ano na universidade. A tempada pasada foi difícil, ao vivir no estranxeiro. Moitas noites tiven pensado se tiña sentido seguir xogando se non estaba ao 100 %». Así explica o propio xogador como decidiu pór o punto e final á súa carreira, aínda que seguirá vinculado ao baloncesto como comentarista especializado dos partidos da liga universitaria.