Míriam Bermúdez anuncia que deixa o BNG de Viveiro e pecha a súa etapa política por «discrepancias» co partido

VIVEIRO

Míriam Bermúdez
Míriam Bermúdez CEDIDA

Exercía como portavoz da formación nacionalista a nivel local e foi tenente de alcaldesa do municipio desde o inicio do actual mandato ata a moción de censura do pasado marzo

17 jul 2025 . Actualizado á 21:59 h.

O portavoz do BNG de Viveiro, e ata o pasado mes de marzo a tenente de alcaldesa do municipio, Míriam Bermúdez, anunciou este xoves a súa marcha da formación a través dun comunicado de prensa. «Entre outras cuestións, a marcha prodúcese por discrepancias cos responsables comarcais do BNG e pola inacción do Bloque nacional para resolver o problema», asegura a edila, que presenta a súa renuncia como concelleira e pon fin á súa etapa política. 

No mesmo comunicado, o Bloque viveirense sinala que a acompañan nesta decisión Bea Lage, responsable local da formación nacionalista, e Iván Pena, responsable de comunicación tamén a nivel municipal.

Bermúdez foi no 2019 e na 2023 candidata do BNG viveirense, que logrou tres representantes e entrou no goberno, en coalición co PSOE. Bermúdez asumiu varias áreas do executivo municipal, entre elas a de obras, e foi tenente de alcaldesa da socialista María Loureiro. No pasado mes de marzo, o partido independente Por Viveiro apoiou ao PP para levantar á alcaldía a Mariña Gueimunde. Poucos días despois, Bermúdez e os outros dous representantes nacionalistas na corporación (Iria Cotelo e José Ramón Martínez) anunciaron que a anterior alcaldable encabezaría a candidatura frontista a nivel local para o 2027.

«Durante os últimos anos, Míriam Bermúdez desenvolveu a súa actividade con moito traballo, esforzo e dedicación. Grazas a ese compromiso, o BNG pasou de non ter representación no Concello a contar con tres concelleiros na actualidade. Ao longo deste período, impulsáronse propostas propias, actuais e orientadas á modernización de Viveiro», resalta a nota, que fai fincapé en que a ata o de agora líder do Bloque no concello «contribuíu á consolidación dunha organización local máis estruturada e un concello máis dinámico e enfocado na veciñanza».

Comunicado do Bloque viveirense

O BNG viveirense asegura pola súa banda que «tomou en consideración a renuncia das persoas que anunciaron a súa marcha da organización nunha reunión celebrada na tarde de este xoves».

«A organización respecta a súa decisión e agradece o traballo desenvolto como representantes do BNG, e traballa xa na substitución das persoas que abandonan a fronte e impulsa o proceso de reestruturación do grupo municipal e da asemblea local, capitaneada pola vicerresponsable local, Iria Cotelo», agrega.

«O BNG reafirma o seu compromiso de continuar traballando na defensa da veciñanza de Viveiro, propoñendo políticas alternativas para conseguir un cambio de goberno nas vindeiras eleccións municipais», conclúe.