Abarrote en Viveiro no sorteo de tres soldos que se resistiron

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

Pepa Losada

María Esperanza, María Teresa e María Esther, as gañadoras dos premios do CCH

04 ene 2020 . Actualizado ás 22:52 h.

Eran case as dez menos vinte da noite deste sábado cando concluíu nunha abarrotada Praza Maior de Viveiro o sorteo de tres soldos de 1.200 euros (100 euros cada mes). Desde o Centro Comercial Histórico indicouse previamente que se puxeron 120.000 números en circulación nesta nova cita -a oitava- que xa se converteu nunha tradición por estas datas. O público respondeu con fartura e encheu a praza para seguir un sorteo no que algúns dos premios resistíronse. As agraciadas son tres mulleres: María Esperanza Calvo Martínez, de Viveiro, co número 102844 (selado en África Copias); María Teresa Timiraos Barreiro, de Viveiro, co 094722 (selado en Van Surf) e María Esther Martínez Casabella, de Celeiro, co 111401, selado en Loterías Casanova.

Mans inocentes como a de Bernardo, Elías, Manolo, Albaricoque ou Juan foron extraendo as seis cifras de cada número. O primeiro dos premios saíu á primeira. No caso do segundo houbo que volver sortealo en varias ocasións ao non aparecer os posuidores dos boletos e co terceiro tamén houbo que repetir o sorteo nun acto presentado por María Dolores Pérez, presidenta do Centro Comercial Histórico, que agradeceu o apoio e o compromiso dos veciños co comercio local.

Tanto en Viveiro como noutros concellos mariñáns gran parte dos comerciantes abrirán hoxe.