Hoxe é a manifestación dos veciños de Xunqueira para esixir medidas que eviten máis riadas tráxicas

La Voz VIVEIRO / A VOZVIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

PEPA LOSADA

07 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Hoxe, sábado, ás 12 do mediodía é a manifestación convocada pola asociación de veciños de Xunqueira, en Viveiro, para esixir medidas ás Administracións que eviten no futuro máis riadas tráxicas como a do 18-N de 2018, que ademais de causar cuantiosos danos provocou a morte dunha muller, unha veciña de 83 anos, Amparo Berdeal Camba.

Está previsto que a protesta salga do Cristo, en torno á ponte medieval, continúe ata a estrada xeral e de aí regresarán para ler un manifesto ante a casa da muller falecida na riada, Amparo. Á mesma sumáronse partidos, asociacións e colectivos diversos; tamén o propio goberno municipal emitiu un comunicado en apoio aos veciños de Xunqueira e á concentración. A Confraría de Valdeflores, o Seminario e partidos con representación na corporación local.

A reunión do pasado xoves en Celeiro dos veciños de Xunqueira coa conselleira Ethel Vázquez e a directora de Augas de Galicia, Teresa Rodríguez, non altera os plans. Desde a Xunta expuxeron o proxecto de reconstrución da zona, atendendo ás suxestións dos veciños. Consideran imprescindible ampliar o río, como informaban onte.

Os veciños esixen, así o reiteraron en diversas ocasións, unha limpeza e un mantemento continuo do río, especialmente na parte de arriba para previr posibles desbordamentos en épocas de choivas. Para levar a cabo o proxecto precísase da implicación das tres Administracións, Xunta -a través de Augas de Galicia-, Deputación Provincial e Concello de Viveiro. Pasou un ano da traxedia; agora hai proxecto, acordado cos veciños, hai compromisos por parte das Administracións, resta pórse ao choio para que non se volva repetir unha traxedia como a daquel 18-N.