Árbores derrubadas polo temporal bloquean trens e cortan estradas na Mariña

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

XAIME RAMALLAL

O mal tempo tamén desencadeou o derrumbe dunha ladeira en Viveiro e dun talude en Ourol

15 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Ventos que rozaron os 110 quilómetros no monte viveirense Penedo do Galo e pasaron de 107 no burelense Castelo. Choivas de case 30 litros por metro cadrado acumulados. E frío, con mínimas de ata dous graos e máximas roldando os dez. Eses datos de Meteogalicia revelan a forza do temporal que este 14 de novembro salpicou de incidencias A Mariña lucense. Non transcenderon danos persoais, pero derrubou numerosas árbores, provocando cortes en varias estradas e bloqueando o tren no Vicedo. Ao mal tempo tamén se atribúe o desprendemento de parte dunha ladeira na zona viveirense de Magazos.

Ao peche desta edición, Bombeiros de Viveiro e outros profesionais continuaban retirando o eucalipto que caeu sobre a vía férrea no Vicedo. Topoullo o tren que saíra pasadas as catro da tarde de Viveiro, en dirección a Ferrol. Segundo fontes de Renfe, non houbo feridos e os pasaxeiros foron transportados por estrada. Por ese incidente non circularon polo menos tres trens entre Viveiro e Ortigueira.

Minutos antes das seis da madrugada a Policía Local de Viveiro mobilizouse por un considerable derrumbe de terras en Magazos. Cortou ao tráfico o viario de Santa Ana, e levou a base doutro, tamén secundario. Ambos son da Deputación, que enviou persoal para liberalos. Tamén se desprendeu un talude no viario de Ourol ao Sixto, pero non afectou á circulación.

Árbores tiradas polo temporal impediron circular, ata que foron retirados por medios de Protección Civil ou bombeiros, por estradas como a de Folgueiro a Mosende, no Vicedo; as de Argomoso e Os Picos, en Mondoñedo; a que vai de Santalla a Ribeira de Piquín, na Pontenova; a de Celeiro-Vilamar, en Barreiros; ou as de Esteiro e a Xuances-Sumoas, en Xove.

As choivas provocaron crecidas en todos os ríos da comarca, pero só constan desbordamentos no Landro, en Viveiro.

O vento levou anacos dun catamarán danado no náutico de Viveiro e arrastrou ao mar un remolque en Porto Mozo, Foz. Tamén desprazou colectores e arrincou chapas de fachadas.