¡Benvida «pulpeira» a Naseiro!

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

PEPA LOSADA

O Día do Polbo, como marca a tradición, foi o encargado de abrir a Romaxe e de espertar a esmorga

24 ago 2019 . Actualizado ás 17:54 h.

Os seus tentáculos sempre tentan a miles de bocas e dá igual que sexa verán que inverno que un bo polbo á feira senta de fábula no corpo. Aínda que se falamos de Naseiro, iso xa son palabras maiores, porque o Día do Polbo é unha xornada máis que especial para a Romaxe viveirense e neste caso existe toda unha recomendación popular de catalo para que os mollos gástricos vaian entrando en acción e preparándose para os próximos catro días que veñen intensos á beira do Landro. O sábado 24 haberá misa ás 13.30 na capela, procesión e sesión vermú máis verbena con Arizona e Alkar.

Á parte do asunto propiamente festivo, a Xunta de Galicia informou nun comunicado onte que achega 7.500 euros á promoción e difusión dá Romaría do Naseiro. Concretamente, o delegado territorial José Manuel Balseiro explicaba que a contía «duplicou» as cifras que se destinaban en anos anteriores a esta cita que, lembremos, ten a declaración de Interese Turístico Galego.

Alertan para evitar furtos de móbiles

Desde a Comisaría da Policía Nacional de Viveiro realizarase unha especial vixilancia da Romaxe do Bo Xantar. Dous radiopatrullas formarán parte do dispositivo que controlará que non se produzan furtos e trapicheos de droga, e que tampouco se venda alcol a menores nin haxa vendedores ambulantes non autorizados. Tamén intervirán no control de bandas itinerantes e na resposta ou prevención de agresións ou abusos sexuais en colaboración co Punto Lila instalado polo Concello de Viveiro para concienciar sobre a violencia de xénero e a igualdade. Ademais, haberá axentes dacabalo tres días (onte, venres do Polbo, o luns e o martes). Durante toda a fin de semana o control reforzarase con seis axentes da UPR (Unidade de Prevención e Reacción), con base na Coruña e especialistas en control de masas, alteración da orde pública e prevención da delincuencia.

Bandas itinerantes

Desde a comisaría alertan da presenza de bandas itinerantes especialistas no furto de teléfonos móbiles en grandes concentracións de xente. Tamén piden aos romeiros que non deixen nos coches nada á vista. «Non tema de agresión sexuais ou condutas que podan comportar algún tipo de abuso sexual, á mínima dúbida contactar co 112 e ou 091 se non poden chegar ao Punto Lila instalado polo Concello», sinalan desde a Policía Nacional.

Os axentes tamén lanzan unha alerta sobre a posible distribución de billetes falsos na festa e en comercios.