Un Viveiro caracterizado de Mercado Renacentista espera a Carlos V

Cen presentas escenifican este venres en Covas o Desembarco da comitiva real

s.ou.
Viveiro / a voz

A máquina do tempo que cambiará Viveiro do xoves ao domingo xa está a funcionar. Coa cidade esperándoa, comezou a duodecima edición do xa tradicional Mercado Renacentista. Este ano o Concello desembolsou un total de 12.000 euros. Este venres contén un dos pratos fortes xa que, despois da música e as actividades de onte, ás nove da tarde terá lugar o Desembarco de Carlos V na praia de Covas. E ata o domingo, centos de persoas caracterizadas con vestiario de época enchen o centro.

A concelleira de Cultura, Lara Fernández-Noriega, espera que «nesta edición consigamos superar a magnífica cifra de asistentes do ano pasado». A popularidade deste evento foi aumentando aos poucos e hoxe é unha das actividades fixas para os viveirenses. Desde o Concello informan de que sobre cen presentas traballarán na dramatización, sen ter en conta ao público que se achegará a Covas.

Durante a tarde, de seis a oito, haberá tempo para xogos infantís nos Castelos. Así mesmo, despois da chegada de Carlos V e antes de pór rumbo a Viveiro, realizaranse xustas de exhibición sobre a area de Covas e levará a cabo o acto de elección dos próximos mandatarios de Viveiro de entre os seus catro liñaxes. Unha vez concluída a dramatización, a comitiva partirá cara á Praza Maior, onde se lle dará a benvida a Carlos V.

Policía Local e Protección Civil velarán pola seguridade dos participantes no evento.

Espectáculos e 105 postos na zona vella

Escudos de armas colgados, rúas cheas de postos de madeira e un certo cheiro a plantas e aromas exóticos; pero tamén xente poboando as terrazas, visitantes sacando fotos e unha trasfega constante. Nótase no centro de Viveiro que a festa de recreación histórica xa está en marcha.

Son moitos (105, segundo a Concellaría de Cultura) os postos dun mercado que inclúe xogos para os nenos. Bares como o de Peter, que venderá en plena praza comida da época. É o seu segundo ano neste negocio e o primeiro en Viveiro. Aínda que admite que é duro, recoñece que está contento «pola xente marabillosa» que coñeceu viaxando.

O caso oposto é o de Ismael, un comerciante navarro de conservas artesás, que vén «desde a primeira edición». Ten claro que «a feira de Viveiro é unha data fixa á que vimos exclusivamente» pois normalmente na súa empresa non venden en feiras nin mercados. Parece que quen vén a Viveiro, repite.

As comidas na rúa do sábado asegurarán festa para todo o día

Non é o Desembarco o único elemento diferenciador do Mercado Renacentista de Viveiro, pois o sábado se darán cita unhas 2.000 persoas durante a celebración das comidas de cuadrillas e familias no centro histórico. Desde o Concello afirman que abrá limitacións de horario para mesas colocadas en certos puntos da cidade, como nas rúas que en condicións normais están altamente transitadas. Informan tamén de que as persoas que teñan a súa mesa instalada neses lugares concretos xa están avisadas e que polo tanto o resto de asistentes non se verán afectados. Deste xeito, os bares tampouco sufrirán restricións. O Concello, ademais, fai fincapé na colocación de urinarios portátiles nos xardíns Noriega Varela, pensando na xornada do sábado, e pide aos asistentes «civismo».

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
2 votos
Comentarios

Un Viveiro caracterizado de Mercado Renacentista espera a Carlos V