Atropelar a unha muller que morreu e fuxir pode custarlle cárcere e 250.000 euros

La Voz VIVEIRO

VIVEIRO

XAIME RAMALLAL

Xulgan ao condutor que deu positivo en alcol e opiáceos tras o accidente mortal que conmoveu Viveiro en outubro

27 mares 2019 . Actualizado ás 17:03 h.

Continúa en prisión, segundo a Fiscalía, o condutor implicado nun accidente mortal que conmoveu Viveiro a principios do pasado outubro. Será xulgado este xoves no Penal 2 de Lugo, acusado de catro delitos: condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas, homicidio imprudente, condución sen permiso e omisión do deber de socorro. Impútallos o ministerio público ao presunto autor do atropelo dunha muller en Magazos, tras o cal fuxiu. Cando despois dunha hora foi detido deu positivo en alcol e opiáceos e descubriuse que tiña o permiso retirado. Por todo iso pode ser condenado a oito anos de prisión, á perda definitiva do carné de conducir e a indemnizar con case 250.000 euros ao marido e aos catro fillos da falecida.

Sucedeu á noitiña do 3 de outubro do ano pasado. O acusado C. H. V. L. non podía conducir desde un mes antes. Por sentenza xudicial retiráronlle o carné. Aos seus 52 anos de idade, ía ao volante dun todo terreo pola LU-540, na zona viveirense, pouco despois da gasolineira de Magazos, en dirección a Ourol, onde vivía. Nese momento, «no centro da calzada, agardando poder pasar alén», atopábase S. S. M. E., de 67 anos. «En estado extremadamente grave», ingresou no hospital de Lugo, onde faleceu o día 12 dese mes.

«Perfectamente consciente»

A Fiscalía engade no seu relato que conducía despois de «ter inxerido previamente bebidas alcohólicas en tal cantidade que minguaban notablemente as súas facultades». Iso, segundo a acusación pública, «motivou que non advertise a presenza» da peatona, polo que acabou «golpeándoa coa parte dianteira esquerda do vehículo». Ela quedou «tirada na calzada».

«Foi perfectamente consciente no momento do que sucedera», sostén o ministerio público. De feito, o condutor «chegou a realizar un certo ademán de deterse, posto que accionou os freos, pero renovou a marcha a gran velocidade cara á súa casa». Todo «sen preocuparse en absoluto pola sorte» da atropelada, «sen saber se había outras persoas que puidesen prestarlle auxilio».

«Pola descrición do vehículo facilitada por algunhas testemuñas presenciais», nunha operación conxunta da Policía Local de Viveiro e a Garda Civil, «foi rapidamente localizado» na súa casa. Pasara pouco máis dunha hora do accidente, o capó do todo terreo «aínda estaba quente» e o coche presentaba «evidentes danos materiais», así como «pegadas de arrastre de mans no lateral».

0,53 de alcol ás tres horas

Segundo a Fiscalía, o acusado presentaba síntomas de ter consumido alcol. Aceptou someterse ás probas e, case tres horas despois do accidente, deu 0,53 e 0,51 no test de alcoholemia, así como «positivo ao consumo de opiáceos».

O ministerio público considera «agravante de reincidencia» que conducise baixo a influencia do alcol. Por ese delito, así como polos de homicidio imprudente e condución sen permiso, pide que sexa condenado a catro anos de prisión, a seis sen carné e a que este lle sexa retirado para sempre. E polo de omisión do deber de socorro solicita catro anos de cárcere.

Ao acusado e, «solidariamente», á compaña coa que tiña asegurado o seu todo terreo, a Fiscalía solicita que indemnicen con 106.000 euros ao viúvo da falecida, con case 102.000 aos dous fillos que residían con ela e con pouco máis de 41.00 aos dous que non convivían con ela.