A Trastenda de Nicomedes abre o 20 con 10 expositores e novidades en Viveiro

E. GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

PEPA LOSADA

David Catá presentará a súa propia marca de complementos e obxectos manufacturados na Trastenda de Nicomedes

16 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O cuarto A Trastenda de Nicomedes abrirá as súas portas ao público desde o corazón de Viveiro do 20 de decembro ao 4 de xaneiro. Organizado pola Asociación Cultural Proa, foi presentado onte este mercado do Nadal e artesanal por Paula Dimé e a alcaldesa María Loureiro. Ademais de Dimé, contarán con expositor Señora María, Imavi, David Catá, Santana Bags, Fontemeimil, Cervexa Artesá Augas Santas, Rappa Taller, Belén Dablanca Make Up e Feitizo. Dimé agradeceu o apoio do Concello viveirense a nivel de instalacións, cartelería, carpa, divulgación... así como aos colaboradores.

Marca de David Catá

Paula Dimé adiantou como «novidade» este ano a presentación da marca do artista David Catá: «Énchenos de orgullo que teña agardado ao noso mercado». Chámase Queridos Todos by David Catá e está inspirada nas cartas escritas pola súa avoa Lolina na Guerra Civil. É de «complemento e obxectos manufacturados a man así como pezas de roupa realizadas con deseños propios a partir do meu traballo artístico», sinalou onte Catá.