Ribadeo chega aos 26 contagios e Ourol é o único concello «libre» de covid

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO VIVEIRO / LA VOZ

RIBADEO

PEPA LOSADA

No hospital mariñán continúan ingresados dous pacientes en planta

05 dic 2021 . Actualizado ás 20:50 h.

O Sergas contabilizou 26 novos contagios de coronavirus nas dúas últimas semanas en Ribadeo (IA 250-500). Así o confirmou este domingo con datos actualizados o sábado ás 18 horas. Son dous casos máis que no último boletín diario. No que respecta á última semana, o concello notificou 16 positivos novos (IA 125-250).

O seguinte municipio en número de casos é Viveiro, con 13 contagios a dúas semanas (IA 50-150) e entre un e nove nos últimos sete días (IA 10-25). Salvo Ourol, que é o único «libre» de coronavirus, o resto dos concellos da comarca rexistraron entre un e nove casos novos nas dúas últimas semanas. Ademais, O Vicedo, Barreiros, Xove e O Valadouro non presentaron contagios novos nos últimos sete días.

Cervo rexistrou entre un e nove positivos novos a 7 días (IA 10-25) e a 14 días (IA 25) e Burela tamén se moveu na pinza de 1-9 a 7 días (IA 25-75) e a 14 días (IA 50-150). Trabada, con entre un e nove, presenta a incidencia máis elevada: 250 a 7 días e 250-500 a 14 días. Séguelle A Pontenova, cunha IA 75-125 e IA 150-250, a unha e a dúas semanas, respectivamente. En Foz, a incidencia acumulada é baixa: IA 10-25 a sete días e IA 50-150 a dúas semanas.

En toda a provincia contabiliza o Sergas un total de 645 pacientes con infección activa (619 no último boletín). Nas últimas 24 horas diagnosticáronse 48 novos casos (65 no anterior parte).