Ribadeo expropia 30.000 metros cadrados nas Catedrais para crear unhas mil prazas de aparcadoiro

J.A. RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

PEPA LOSADA

Onte reuniron aos 14 propietarios e levantaron actas para ocupar os terreos

27 novs 2021 . Actualizado ás 23:09 h.

O Concello de Ribadeo deu un paso decisivo na posta en marcha do plan especial das Catedrais, a pedra angular para deseñar o futuro dun das principais iconas turísticas de Galicia, regulando un espazo de 56 hectáreas, desde o límite co Concello de Barreiros ata a praia de Esteiro e, polo norte, máis aló da liña de ferrocarril. En xuño o Concello aprobou o inicio do procedemento para expropiar 30.000 metros cadrados, onde se construirá un gran aparcadoiro, un centro de recepción e tamén se proporá facer un apeadeiro de Feve, entre outras infraestruturas.

O proxecto de expropiación foi remitido á Xunta para que aprobase a urxente ocupación. Así o fixo o Consello da Xunta hai un mes e onte o Concello reuniu aos 14 propietarios para realizar o levantamento de actas previo á ocupación dos terreos. Así se delimitou, con estacas, a zona na que se actuará. Agora proporase pagar aos propietarios que, en caso de non estar de acordo coas cantidades, poderán recorrer. Pero o proceso de ocupación seguirá adiante. O que vai facer agora o Concello é concretar o proxecto de urbanización. Aí determinarase o número exacto de prazas que se crearán. No plan especial figuraban 1.300, pero poderían ser algunhas menos xa que non se descarta que se inclúan outras infraestruturas. En todo caso, roldarán o milleiro.

O Concello xa incluirá no orzamento do próximo ano unha partida para acometer as obras, pero co proxecto na man será o momento de recorrer ás administracións e departamentos que avalaron o plan especial das Catedrais, como Costas ou a Deputación, co compromiso de contribuír economicamente para regular este espazo. E é que o plan no seu conxunto prevía investimentos por valor de 2,5 millóns (cantidade que non pode asumir o Concello), incluíndo demoler o restaurante que existe xunto ao acceso ao areal.