«As empresas elixen, e se elixen instalarse en Ribadeo por algo é»

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

Fernando Suárez, nunha imaxe de arquivo
Fernando Suárez, nunha imaxe de arquivo FOTO MIGUEL

O alcalde di que «sempre fomos un referente e a A-8 púxonos preto de todo»

22 jun 2021 . Actualizado ás 20:49 h.

Con prudencia, fuxindo do triunfalismo, pero coa lóxica satisfacción pola sucesión de noticias nas últimas semanas de empresas que elixiron Ribadeo para desenvolver os seus novos proxectos (JSKS, Florentino, Juanchi´s Burguer e Petroprix, entre outras), así se pronuncia o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez: «Eu non lles poño unha corda, as empresas elixen onde instalarse, e se elixen Ribadeo por algo é».

Sendo algo conxuntural, o rexedor recoñece que estas iniciativas son unha lombeirada que alentan boas expectativas sobre as posibilidades de Ribadeo conforme se vaia superando a crise do covid. No entanto, Suárez non lanza as campás ao voo: «Temos que seguir sendo atractivos para que veña xente e despois volva, e iso conséguese con bos servizos e coidando o que temos». Porque cos pés no chan, engade: «Temos moitas cousas, si, aí temos As Catedrais por exemplo, pero tampouco temos unha Alcoa».

«Ribadeo non é unha moda pasaxeira, senón un polo de atracción ó longo da historia. O que pasa é que, se cadra, lonxe de decelerar está collendo pulo novamente. É evidente que polo covid estamos todos a medio gas, ou máis que a medio gas, pero está habendo unha serie de movementos para posicionarse en Ribadeo que nos fan pensar que Ribadeo, cando volvamos a poder facer unha vida normal de comunicación co entorno, vai seguir sendo un lugar de encontro para moita xente», apunta Fernando Suárez.

E engade: «Todo o que se fai aquí non se fai contando con que somos 10.000 habitantes, senón 60.000 ou 70.000, dende a parte sur, A Pontenova, ata A Mariña central, Oscos-Eo e boa parte do Occidente asturiano». Unha posición estratexia acrecentada pola autovía: «É que agora podes chegar a Ribadeo dende calquera lugar de España sen saír da autovía. Agora a chegada de xente vasca é habitual. Antes o turismo internacional era anecdótico, pero dende xa fai anos non para de medrar».

Seguridade xurídica

«E tamén ninguén se acorda, pero ofrecemos unha seguridade xurídica moi importante. Antes era un lío, pero agora sábese se se pode facer unha ousa ou non, se o plan xeral e as normas o permiten, e non se perde un minuto. Nós temos o plan xeral actualizado, o plan das Catedrais e nunhas semanas teremos o PEPRI, e iso é básico para o desenvolvemento dun concello».

Cre tamén Suárez que Ribadeo está recollendo o froito de decisións políticas que no seu momento non foron doados de tomar, como resistir todas as presións para que Ribadeo non tivese un crecemento urbanístico desmesurado, rexeitándose proxectos de grandes urbanizacións: «Impedimos que se estragase o territorio. E foi un acerto, porque de que serviría ter, como en moitos concellos, edificios baleiros a medio construír, esqueletos de formigón? Nós fuximos deso e gañamos moito, para nós e para as xeracións que virán».

A zona vella

Suárez móstrase tamén especialmente orgulloso da súa política para obrigar a restaurar casas na zona vella: «Acúsanme de ser moi duro, pero agora da gloria velo». Niso enmárcase tamén a permuta da parte que o Concello tiña na emblemática Torre dous Morenos, que agora vai ser restaurada por Paisaxes de Asturias.

Obxectivos para seguir crecendo: a ruta verde do tren mineiro e relanzar o polígono

«No fondo non se trata de inventar nada, senón de consolidar e potenciar o que temos. Por exemplo, nós collemos o legado da emigración e á súa cara triste démoslle a volta facendo o Ribadeo Indiano. Agora teño en mente, e traballo cada día, para facer realidade a ruta verde do tren mineiro hasta A Pontenova, que será algo único e beneficiará moito a Ribadeo, Trabada e A Pontenova. As Catedrais é tamén unha obsesión. Se antes do covid calculábase que podería vir un millón de persoas ao ano, non ten porque ser de outro xeito cando pasemos o covid. E para entón temos o plan das Catedrais en marcha, para conseguir que toda esa xente que vén se quede e merque en Ribadeo», engade.

Pero no debe do concello séguese apuntando a escaseza de industria e a situación do polígono, que xestiona Sepes, coas parcelas cun prezo moi elevado que condiciona a súa venda, mentres os veciños, de Barreiros ou Castropol, seguen captando empresas: «O noso polígono chegou tarde. Estamos en conversas con Sepes para ver se dunha vez por todas toman medidas para darlle un pulo importante. Cando pasemos isto do covid, espero que os responsables de Fomento respecten a súa palabra», apunta o alcalde

Novos negocios

«Se Ribadeo prospera é mérito de todos, dos que estiveron antes ca nós, dos que fixeron a autovía, de todos... E agora vemos con orgullo como nas Xuntas de Goberno que facemos imos dando permisos, moitos, para novos negocios, e estase diversificando en sectores que se fixan en Ribadeo, de xeito que a pesar da situación tan mala na que nos atopamos polo covid, elíxennos e estanse posicionando para contribuír a que Ribadeo siga a ser un referente», conclúe o alcalde.