Baixan as solicitudes para instalar terrazas de hostalería en Ribadeo

j.a. RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

PEPA LOSADA

O Concello prevé recadar un 10 % menos de taxas; 19.772 euros en 2020

15 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Ribadeo terá este ano menos terrazas. É o que se desprende das taxas que pagan os hostaleiros, sobre medio centenar, polo espazo ocupado. Se no ano 2017, o Concello recadou 22.942 euros por este concepto, este ano o padrón exposto reflexa que ingresará 19.772 euros.

Foi en 2017 cando entrou en vigor a ordenanza reguladora coa que o Concello pretendía evitar excesos. Para iso operarios municipais pintaron no chan o espazo asignado a cada hostaleiro e polo que realmente pagaban. Desde entón non volveu a facerse e xa practicamente non queda ningunha daquelas marcas.

Os ingresos por terrazas permaneceron máis ou menos estables ata 2019, cando o Concello recadou 21.779,50 euros. Pero o recorte nas solicitudes deste ano foi notable, ao pasar a 19.772 euros, un 10 % menos. Esa é a estimación que fai o Concello para este exercicio. O período de pagamento voluntario ábrese hoxe, ata o 15 de abril.

O alcalde, Fernando Suárez, opina que os problemas de excesos coas terrazas quedaron resoltos, porque xa non recibe queixas respecto diso.