O alcalde de Ribadeo, sobre o novo panel irónico: «A xente ten dereito a expresarse»

j.a. RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

JOSÉ ALONSO

Di que o Concello xa está a traballar desde hai tempo para reparar o viario que agora se critica

18 novs 2019 . Actualizado ás 20:06 h.

A idea do Concello de Ribadeo de instalar un valo no estadio Pepe Barreira ironizando sobre a achega da Xunta para as obras de mellora foi copiada por algún veciño que colocou un panel similar nos Garitos, pero criticando con donuts que nin Xunta, nin Deputación nin Concello invisten nin un só euro na mellora pendente do viario que discorre paralelo á vía de Feve.

O alcalde, Fernando Suárez, que foi denunciado polo PP ante a Junta Electoral polo valo no Pepe Barreira, manifestou: «Mal non me parece, son partidario da liberdade de expresión. Non fago como o PP, que me denuncia. O que o puxo no que o di ten razón. Nós, dende o Concello, porque temos que resolver iso; a Deputación, porque ten que amañar a ponte de Ove, e o Ministerio porque despois de ter licitado e adxudicado o acceso á circunvalación, non o fixo, un acceso que Ribadeo necesita para dar saída a todo o tráfico pesado que pasa agora por ese vial. Aceptamos que ten que amañarse e ímolo facer, pero non polo panel, senón porque xa estabamos nelo, pero custa porque é un proxecto moito máis complexo do que pode parecer».