Suárez: «Nin cámaras nin multas son solución para combater as pintadas»

j.a. RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

JOSE ALONSO

O alcalde de Ribadeo recoñece a incapacidade do Concello para afrontar o vandalismo

21 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, recoñece a dificultade, practicamente a incapacidade do Concello, para responder con eficacia e evitar que mozas fagan pintadas como as realizadas esta semana en decenas de metros de paredes do auditorio municipal. A solución, sostén o rexedor, non está nin en pór cámaras de vixilancia nin en sancionar, ao tratarse dun problema con raíces máis profundas, que incumbe directamente á educación. A situación é tal que Fernando Suárez dubida de volver pintar o auditorio: «Non sei. Falarei cos compañeiros e decidiremos, porque se solo serve para que algúns volvan a facer das súas... Seguramente o pintaremos, pero é desmotivador, porque isto non é arte, e macarrería pura e dura».

«Enfrontámonos a unha modificación social, e non o digo polas pintadas, senón porque hai comportamentos en rapaces que non son demasiado socializadores. Iso é preocupante, porque é xente nova que dentro de pouco terá que dirixir a sociedade. Non é normal que ás dúas da mañá nunha praza publica, nun día de semana estea xente con altavoces como se fora unha pequena orquestra. Hai quen se crea o seu universo, vive no seu mundo e non lle interesan os demais e iso preocúpame, porque fronte a isto non hai medidas coercitivas, son educativas, familiares, de inculcar respecto. E esas pintadas non son arte, son vandalismo puro e duro», di Fernando Suárez.

Pero tras estas reflexións está o papel que debe desempeñar o Concello. E niso, o alcalde recoñece a súa incapacidade: «O Concello é unha pinga de auga no que é a sociedade. Non temos nin capacidade nin competencias para mudar actitudes. Podemos influír, e traballamos niso, pero vexo comportamentos e actitudes na xente nova, non en Ribadeo, en todos lados, que me desaniman moito».

«O Concello dispón de policía, que en colaboración coa Guarda Civil debe buscar e tratar de impedir o vandalismo, pero pensar que se pode facer con éxito é unha utopía. Temos nove policías locais en turnos de parellas, e aínda que tiveramos 50 sería imposible combater certas actitudes nocturnas. A xente fala de coller ós rapaces e escarmentalos, pero os instrumentos que temos son limitados e penso que tampouco se conseguiría nada. Hai que concienciar, de maneira coercitiva non se fará nada», engade o alcalde ribadense.

Do botellón, por exemplo, di Suárez que a policía controla os lugares onde se fai, pero ao chegar, se hai menores, din que eles non beben alcol: «Intentamos facer cousas, pero é complicado. Ningún concello pode resolver isto por si solo».