Lidl reabre en Ribadeo con máis sala de vendas e Mercadona amplía en Foz

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

J. ALONSO

A zona ribadense de Vilar confírmase como un gran pulmón comercial

18 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras varios de meses de obras, nos que o establecemento permaneceu aberto, e só un par de semanas pechado para ultimar as obras de ampliación, a tenda de Lidl na zona comercial de Vilar, en Ribadeo, reabre hoxe. A cadea de supermercado alemá chegou a España en 1994 e desde entón non parou de crecer. Lidl ten en España ao redor de 580 supermercados e agarda chegar este ano aos 600.

Na comarca da Mariña e o Occidente de Asturias a súa presenza limítase a Ribadeo, onde se fixo cunha fiel carteira de clientes, como o acreditan as colas que se crean os xoves e luns coas ofertas que lanzan cada semana. A ampliación da súa tenda foi a resposta. Coa actuación acometida creouse unha sala de venda que xa chega aos 1.250 metros cadrados e cubríronse prazas de aparcadoiro (dispón de 140 en total).

Lidl converteuse na segunda empresa de supermercados que máis gana en España, seguindo o ronsel de Mercadona, que ten uns 1.600 establecementos en toda España. Na Mariña, a cadea valenciana ten locais en Ribadeo (nunha nave de nova construción en Dompiñor), e en Foz, na planta baixa dun edificio. E precisamente en Foz iniciáronse as obras dunha importante ampliación, nun soar anexo onde na actualidade se está construíndo a cimentación.

Mercadona fíxose desde a súa apertura en Foz cunha importante franxa de clientes, que se multiplica no verán, cos residentes noutras partes de España que acostuman comprar en Mercadona. Proba diso é a cantidade de xente que acode estes días ao supermercado focense.

Coa reapertura de Lidl, Vilar, en Ribadeo, consolídase como gran pulmón comercial dunha ampla franxa asturgalaica, onde se localiza o hipermercado de Eroski (a maior área comercial da Mariña e o Occidente asturiano), Decathlon, Lidl, Merkal, un híper chinés e, nas inmediacións, Mercadona, ademais doutros negocios, como talleres de coches e motos, ademais dunha cafetería do Rei dás Tortas. O que segue pechado é BricoKing, nun espazo anexo ao híper de Eroski. Ademais, hai dúas gasolineiras, de Valcárcel e a propia de Eroski.