O TSXG consolida o plan urbano de Ribadeo ao desestimar cinco contenciosos contra o Concello

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

JOSÉ ALONSO

Fernando Suárez: «Ribadeo contrasta cos concellos que non teñen normas, porque non trátase de problemas penais, senón de destruír ou país para sempre»

22 feb 2019 . Actualizado ás 20:23 h.

O Plan Xeneral de ordenación municipal de Ribadeo (PXOM) aprobouse de forma definitiva a finais do 2014, pero sobre el pesaba a ameaza de cinco contenciosos presentados por dous promotores e tres particulares que discrepaban coa cualificación outorgada a solares seus. Nalgún recurso solicitábase a anulación íntegra do PXOM. Finalmente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deu a razón ao Concello, desestimando as demandas.

O fallo é firme, porque ninguén recorreu no Supremo e por iso o Concello considera o plan «definitivamente aprobado e consolidado».

«O Concello demostrou diante da xustiza que os terreos estaban correctamente clasificados e deunos a razón. Foi un treito longo e engorroso, pero cando se queren facer as cousas ben e con humildade finalmente as cousas resultan ben e traen beneficios», sinalou o alcalde, Fernando Suárez, quen destacou o traballo eficaz, honesto e sensato realizado por todos os grupos políticos e os técnicos implicados durante o anterior mandato para que o PXOM de Ribadeo fose unha realidade «e un patrimonio de todos».

«A diferenza doutras zonas da Mariña, en Ribadeo demostramos que é posible facer as cousas con xeito, con sentidiño, combinando o crecemento sostible coa protección da nosa identidade e do noso patrimonio. Nos próximos anos se vai ir vendo como Ribadeo vai ir cambiando para mellor, paseniño, pouco a pouco, como se fan as cousas para que saian ben», concluíu o alcalde.