Ribadeo, Trabada e Mondoñedo asistiron a un foro en Santiago do Camiño

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

CEDIDA

12 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Representantes dos concellos de Ribadeo, Trabada e Mondoñedo asistiron onte en Santiago ao Fairway III Fórums do Camiño de Santiago, deseñado para recoller e escoitar experiencias, ideas e opinións doutros lugares polos que atravesan as rutas xacobeas. O obxectivo é potenciar este recurso turístico durante a maior parte do ano, segundo destacou a concelleira de Turismo de Ribadeo, Ana Martínez, que lembrou que a vila é a porta de entrada do Camiño Norte a Galicia, así como o punto de partida elixido por moitos peregrinos para iniciar o seu percorrido. Na súa opinión, a ría de Ribadeo abríalle ao peregrino, non só a porta de Galicia a través das barquerías, senón tamén ao interior dun concello onde visitar, por exemplo, a capela da Ponte de Arante, onde hai «pinturas magníficas».

Xornadas informativas

Martínez anunciou que o Concello impulsará xornadas de información aos hostaleiros, empresarios e emprendedores que queren iniciar unha parte profesional vinculada ao Camiño e a Ribadeo. Tampouco faltou á cita a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, que estableceu contactos con distintas axencias especializadas na ruta, ás que entregou un dossier con información sobre establecementos do municipio.