Fichaxe de luxo do PSOE de Ribadeo, Francisco Torviso

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

JOSÉ ALONSO

Continúan os movementos nos partidos para confeccionar as súas candidaturas

23 ene 2019 . Actualizado ás 21:26 h.

Continúan os movementos nos partidos para preparar as listas para as eleccións municipais, significativos en Ribadeo, onde haberá numerosas caras novas. Unha delas é a da candidata socialista, Marta Rey , que segue traballando para confeccionar unha lista potente. E para iso contará cunha fichaxe de luxo, o do ex práctico do porto de Ribadeo, Quico Torviso, un mozo moi coñecido e apreciado en Ribadeo, que dá así o paso de entrar en política para apoiar a Marta Rey .

Non será a única novidade nun PSOE que aposta por unha completa renovación en Ribadeo, cun equipo novo, tamén con presenza da zona rural, para iniciar unha andaina encamiñada a recuperar o protagonismo que tivo no pasado recente.

Tamén o PP, con Daniel Vega á cabeza, está pechando os postos de saída, que podería presentar en breve. Avanzan que na candidatura non haberá só afiliados, senón tamén simpatizantes que non forman parte do partido.

En tanto, En Marea segue preparando a súa lista, como Cidadáns, que tras a baixa de Marta Saiz debe buscar a alguén que lidere o partido. Tamén está a haber movementos para tratar de formar outra candidatura, que podería presentarse baixo as siglas de Compromiso por Galicia, mentres xa se fixo pública a de «Ribadeo únenos», outro grupo independente liderado por Ramón Acuña, presidente do Real Club Náutico de Ribadeo. Quen segue sen mover ficha é o BNG nin o alcalde, Fernando Suárez, que continúa sen confirmar se seguirá ou non.