Ribadeo aproveita a adxudicación da iluminación da ponte dos Santos para pedir máis melloras

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

MIGUEL

Elsamex cobrará 47.370 euros e ten tres meses de prazo para que a infraestrutura volva iluminarse polas noites

20 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Ministerio de Fomento adxudicou á empresa Elsamex o proxecto para volver dotar de iluminación nocturna á ponte dos Santos, que sobre a ría de Ribadeo une Galicia e Asturias. Por iso cobrará 47.370 euros. Ten tres meses de prazo para acometer a canalización e acometida eléctrica desde o contador ao cadro xeral, a instalación dun novo cadro eléctrico e substituír por tecnoloxía LED os equipos existentes nas balizas, que serán anulados. O alcalde ribadense, Fernando Suárez, foi informado diso desde a Demarcación de Estradas en Asturias e aproveitou a circunstancia para reivindicar outro tipo de melloras, menores, que suporían un pequeno investimento pero que mellorarían a seguridade para os peóns e ciclistas.

Falou, por exemplo, de cambiar as reixas que separan a autovía dos pasos peonís e que se atopan en mal estado, así como de anchear, acondicionar e rozar periodicamente as entradas ás beirarrúas, para facilitar o paso de ciclistas.

Suárez apuntou que coa actuación do Ministerio de Fomento co goberno socialista quedou en evidencia que a decisión do anterior Executivo, do PP, de non dotar de luz á ponte dos Santos durante anos foi un acto caprichoso e político, e que os argumentos legais e técnicos que esgrimiron para xustificarse carecían de validez.