As Catedrais pulveriza os seus rexistros con 245.000 pases en dous meses

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

XAIME RAMALLAL

Icona turística de Galicia, o tope de 4.812 entradas diarias esgotouse 29 días de agosto

09 sep 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Coa catedral de Santiago, a praia das Catedrais, en Ribadeo, consolidouse este verán como o principal foco de atracción turística de Galicia. Os datos, que onte divulgou nunha visita á praia a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana Díaz, son incuestionables. Os 245.000 pases retirados para baixar á praia durante os meses de xullo e agosto supoñen un 23% máis que o mesmo período de 2016, cando xa superaron os rexistros de 2015.

Foi ese verán, en 2015, cando se puxo en marcha a limitación do acceso ao areal a un máximo de 4.812 visitantes diarios, para que non se degradase o monumento natural. Este tope acadouse o pasado de agosto 29 días, é dicir, só un día do mes quedaron entradas libres para ver a praia. A cota tamén se acadou en 9 días de xullo. No verán de 2016 o tope acadouse 29 días (3 en xullo e 26 en agosto), e 14 días en 2015.

Sobre a procedencia dos visitantes, Ana Díaz explicou que crece o número de estranxeiros, aínda que o 90% é turismo nacional, con madrileños á cabeza, seguido de turistas de Barcelona, Valencia, Andalucía e Asturias.

Dado que As Catedrais parece non ter tocado teito, desde a Xunta onte anunciáronse melloras para adquirir os pases para visitar o areal, cunha aplicación para móbiles que estará operativa en Semana Santa. Durante o mes de setembro para ver a praia precísase sacar entrada, na web da Xunta.

O tirón das Catedrais non se corresponde , a xuízo do PP de Ribadeo, coa actuación do Concello. O portavoz local, Jesús López Penabad, denunciou nas últimas horas a mala imaxe que á súa entender levan os turistas de Ribadeo por, entre outras cuestións, o lixo acumulado na contorna das Catedrais e doutras praias da vila.

Sen socorristas

A iso únese que nas praias de Ribadeo xa non hai socorristas, aínda que desde o Concello se anunciou que habería servizo ata o 15 de setembro. Ao parecer, prometeran aos vixiantes unha cantidade económica por renunciar aos días de vacacións, pero ao final non se podía garantir, de modo que concluíron antes o servizo.